Propuxemos un novo modelo de xestión de residuos para abaratar o recibo do lixo en Aranga
Desde o BNG propoñen unha alternativa que pasa por unha aposta decidida pola compostaxe, tanto individual como comunitaria, un punto limpo comarcal fixo e outro móbil, ademais do estudo para a implantación da recollida porta a porta.
Aranga, 10 de abril.- “O modelo actual de xestión de residuos en Aranga opta por unha recollida de lixo centralizada e ao servizo de intereses privados con destino á planta incineradora de Sogama”, explicou o candidato do BNG á alcaldía, Carlos Díaz. Desde o BNG propoñen unha alternativa que pasa por unha aposta decidida pola compostaxe, tanto individual como comunitaria, un punto limpo comarcal fixo e outro móbil, ademais do estudo para a implantación da recollida porta a porta, “xa testado con éxito en concellos gobernados polo BNG como San Sadurniño”. Estas propostas, din no BNG, permitirán aforrar na factura da recollida do lixo.
As composteiras comunitarias, un cambio inevitábel
“Unha directiva europea establece que para 2023 todos os concellos terán que recoller de maneira separada este tipo de restos nun contedor específico, e non no verde, como até agora. A propia conselleira do Medio Ambiente, do PP, ten recoñecido recentemente que o 42% do lixo son residuos orgánicos. Deste xeito, a aposta polo compost permitirá cumprir a legalidade europea ao tempo que beneficiará a veciñanza do concello”, engadiu o candidato nacionalista.
“En Aranga estamos habituados desde sempre a empregar os restos orgánicos como abono. Agora, con novas técnicas, é sinxelo obter compost, un abono que non cheira e resulta totalmente neutro para a saúde. Nese sentido, a compostaxe comunitaria é a mellor maneira de evitar a dependencia de grandes plantas de tratamento de residuos e saír do “modelo sogama” centrado na incineración e no transporte de grandes volumes de residuos ata unha planta central, que beneficia a aquela empresa, pero que sae caro á veciñanza de Aranga, en termos de diñeiro e tamén ambientais”, afirmou o candidato nacionalista á alcaldía de Aranga, Carlos Díaz.
Desde o BNG afirman que Aranga pode reducir a súa factura do lixo, de igual maneira que pode abaratar o recibo da luz. “Queremos evitar a dependencia apostando máis por unha compostaxe comunitaria, polos seus beneficios evidentes para a comunidade. Un abono natural de calidade para uso veciñal, para uso agrícola ou na xardinaría ou na restauración de solos degradados”, explica Díaz.
Creación dun punto limpo de ámbito comarcal
Desde o BNG cren que o recente convenio asinado polo goberno local de Aranga para usar o punto limpo de Curtis farase “á custa de veciñanza”, xa que serán os usuarios e usuarias do servizo as que financien o servizo, “con independencia do seu nivel de renda”, critican os nacionalistas.
O grupo nacionalista critica que a xestión de residuos do PP privatiza a recollida e resulta ademais “máis cara e ineficaz”. Fronte á opción do convenio co concello de Curtis, defenden a creación dun punto limpo comarcal, compartido entre varios concellos”. Para o BNG, os servizos mancomunados son “vitais para lograr a viabilidade económica” dos mesmos, dada a demografía de concellos como Aranga.
Outro servizo máis, avanzan desde a formación nacionalista, será o “punto limpo móbil”, que ven “ideal para unha poboación dispersa”, porque facilita á veciñanza a xestión dos residuos non voluminosos e a reciclaxe, mediante recollida selectiva nun vehículo onde un operario/a axudará a depositar e clasificar pequenas cantidades de residuos non orgánicos, ademais do servizo de recollida periódica de mobles e outros enseres xa existente.
Recollida “porta a porta”, outra vía para abaratar o recibo do lixo
Desde o BNG propoñen tamén para Aranga o sistema de recollida de “porta a porta”, xa testado con éxito a nivel galego en concellos gobernados polo BNG, como o de San Sadurniño, onde permitiu reducir custos económicos e ambientais, ademais de facerlle máis cómoda á veciñanza a xestión dos residuos.
“Casos como o de San Sadurniño demostran que canto menos lixo enviemos para a planta de Sogama, máis aforro teremos os veciños e as veciñas de Aranga”, defende Díaz. “Queremos que que a materia orgánica se trate na casa, ben dándolla aos animais ou ben facendo compostaxe/esterqueira, algo que na práctica se fai xa en moitísimas casas de Aranga, contribuíndo así á conservación do medio ambiente e reducindo todo o que se poida a cantidade de lixo enviada a Sogama. Ademais, o sistema emprega un pequeno furgón en vez dun grande camión compactador, o que supón outra fonte de aforro para a veciñanza”, explicou Díaz.
O sistema de recollida “porta a porta”, baséase no emprego de colectores máis pequenos e colocados máis preto das casas. Compleméntase cunha campaña de información “para que a xente separe os residuos correctamente en orixe buscando, principalmente, reducir a fracción orgánica da bolsa”, explica o voceiro. Este modelo “resulta claramente máis barato e ademais facilita o labor de reciclado. En San Sadurniño, o 95% das persoas usuarias adoptáronse sen problemas ao novo sistema de clasificación e separación no fogar”.
Segundo apuntan desde o BNG, “a concienciación é fundamental, para conseguir evitar os vertedoiros incontrolados, mellorar a xestión do servizo, con máis frecuencias de recollida e de limpeza de colectores, que no rural deixa moito que desexar, afirmou Díaz.
En definitiva, o BNG quere cambiar o modelo de xestión dos residuos por unha cuestión de eficiencia e de sostenibilidade e tamén porque se trata dun cambio “inevitábel, que contribuirá ademais a abaratar o recibo do lixo. A compostaxe xenérica e a recollida porta a porta son o futuro”, concluíu Díaz.