O BNG reuniuse coa asociación Move-T para tratar as súas propostas para a mocidade
David Carro: “A creación dunha Oficina Municipal de Información Xuvenil, unha renovación da biblioteca e estudar a construción dunha nova, a implantación de fibra óptica ou a apertura da Casa da Xuventude cun modelo de autoxestión son algunhas das propostas do BNG”.
Bergondo, 15 de abril de 2023.- O portavoz municipal do BNG de Bergondo e candidato a alcaldía, David Carro, xunto con outras integrantes da candidatura, mantivo unha xuntanza coa directiva da Asociación xuvenil Move-T, na que debullaron as súas propostas para a mocidade.
“A creación dunha Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), unha renovación total e en todos os sentidos da biblioteca e estudar a construción dunha nova, a implantación de fibra óptica, ou a apertura de verdade da Casa da Xuventude cun modelo de autoxestión, foron algunhas das ideas postas sobre a mesa, ademais da creación dun patio inclusivo no CPI Cruz do Sar, entre outras”, explicou o candidato do BNG, David Carro.
"A mocidade de Bergondo merece máis, moito máis, logo de moito tempo de abandono" indicou Carro. "Parabenizamos iniciativas como a da asociación Move-T, que merece todo o apoio e que no pouco tempo que leva funcionando foi quen de levar a cabo propostas innovadoras. O Concello debe apoiar e promover o asociacionismo como outra forma de darlle vida ao concello e ofrecer alternativas de ocio, culturais ou educativas a nosa mocidade, que son o noso futuro. Un goberno do BNG así o fará, para entre todos e todas forxar un Bergondo mellor para as vindeiras xeracións", concluíu Carro.