O BNG vota en contra da proposta de orzamento do goberno local do PSOE
Alberte G. Nicolás: “o goberno local non tivo en conta estas propostas nin estableceu ningún diálogo co BNG”
O BNG trasladou propostas para os orzamentos de 2024 encamiñadas a apoiar o comercio local e crear novas liñas de investimentos en servizos e infraestruturas
Miño, 13 de marzo de 2024.- O BNG vota en contra da proposta de orzamento do goberno local do PSOE. “No BNG tendemos a man ao goberno municipal para que tivera en consideración as nosas propostas que pretenden mellorar os orzamentos e axudar a materializar en feitos as propostas que o propio goberno municipal vía interesantes. Mais o goberno local non tivo en conta estas propostas nin estableceu ningún diálogo co BNG”, explicou o voceiro nacionalista, Alberte G. Nicolás.
Neste sentido, o BNG trasladou propostas para os orzamentos de 2024 encamiñadas a apoiar o comercio local e crear novas liñas de investimentos en servizos e infraestruturas. Entre estas medidas, as nacionalistas destacan a creación dun bono comercio para a época de Nadal, melloras na seguridade viaria nas zonas rurais e realizar obras de mellora no posto de socorrismo da Praia Grande e no CPI Castro Baxoi, así como realizar un estudo técnico sobre a viabilidade de implantar un servizo de transporte público baixo demanda.
“Estas propostas, poderían levarse a cabo con apenas 90.000 euros, o 1% do orzamento que finalmente foi aprobado, e terían cabida limitando o gasto que desde o punto de vista do BNG non é prioritario, como reducir o gasto en propaganda e diferentes partidas xenéricas sen un fin concreto ou limitar o aumento do gasto en festexos”, indica o voceiro nacionalista.
Segundo as nacionalistas, todos os gastos que propoñen limitar están encadrados en partidas que no ano 2022 supuxeron un gasto menor, é dicir, que aínda reducindo o orzamento para o 2024 seguirían sendo partidas substancialmente maiores con respecto ao 2022.
“O alcalde, Vázquez Faraldo, salientou como un éxito aprobar os orzamentos en marzo en vez de en decembro, a punto de rematar o exercicio. No BNG non somos tan optimistas, mais tomámoslle a palabra ao goberno local cando sinalou que este mes de setembro ou outubro comezaría a redacción do orzamento para o 2025, con maiores prazos e aumentando a participación dos grupos”, sinalou o nacionalista.
“Temos por diante 6 meses onde continuaremos a escoitar á veciñanza e trasladar ao pleno municipal medidas que axuden a mellorar o día a día de Miño. Estas medidas proporemos que teñan cabida na proposta de orzamentos para o vindeiro ano”, engadiu.
Participación e transparencia, ausentes na elaboración das contas
As nacionalistas sinalaron unha falta de participación no proceso de elaboración do orzamento. “Anteriormente xa propuxemos a posibilidade de implantar uns orzamentos participativos, que escoiten a veciñanza e as súas necesidades e axuden a marcar algunhas prioridades nas actuacións do Concello de Miño. Isto poderíase garantir reservando apenas 100.000 euros, cos que poidan elixir como e onde facer investimentos”, destacou Alberte G. Nicolás.
Tamén puxeron de manifesto o incumprimento dos prazos, non só porque o orzamento vaia entrar en vigor no mes de marzo, xa que a documentación foi remitida ao conxunto do pleno para a súa aprobación inicial con menos de 3 días de antelación para tratala na comisión informativa, limitando a capacidade dos grupos da oposición para analizar en profundidade a documentación e facer propostas. “Propostas que quedou claro que non foron nin escoitadas nin valoradas politicamente e moito menos aprobadas total ou parcialmente”, lamentou o voceiro nacionalista.
Gasto en propaganda
O orzamento municipal recolle 17.000 euros para gastos en publicidade e propaganda institucional. “O goberno municipal xa se opuxo á proposta do BNG para democratizar a revista EnCamiño, dándolle voz ás diferentes sensibilidades presentes na corporación municipal. Agora tamén solicitamos reducir o seu custo, pois a impresión de cada número está cerca dos 4.000 euros, e o goberno do PSOE tamén se opuxo”, engadiu Alberte G. Nicolás.
Cambio no modelo de subvencións
Desde o BNG criticaron tamén que o goberno local siga mantendo o groso das subvencións municipais como gasto “a dedo”, mentres as subvencións en concorrencia supoñen unha mínima parte da política de subvencións do goberno municipal. Desde o BNG sinalan que a única xustificación que deu o alcalde para manter este modelo de subvencións foi minusvalorar á veciñanza de Miño, ao dicir que “son veciños que as veces non teñen os coñecementos para cubrir papeis ou para facer trámites informáticos”.