Melloras na fibra óptica e urbanización da DP0806, propostas do BNG de Bergondo no pleno de xaneiro

David Carro: “Segundo os últimos datos oficiais, un 31% da poboación de Bergondo aínda carece deste importante servizo"

Melloras na fibra óptica e urbanización da DP0806, propostas do BNG de Bergondo no pleno de xaneiro

Bergondo, 10 de xaneiro de 2024.- O grupo municipal do BNG de Bergondo proporá no pleno deste mes que o Concello licite o servizo de telefonía incluíndo nel unha cláusula para que a operadora gañadora teña que instalar fibra óptica nas zonas do municipio que aínda non contan con ela. "A fibra óptica converteuse nun servizo básico máis, para as persoas que teletraballan, estudantes, ou realizar trámites cotiás como relacionarse cos bancos ou pedir unha cita medica, sen embargo a súa extensión non vai ao mesmo ritmo. Segundo os últimos datos oficiais, un 31% da poboación de Bergondo aínda carece deste importante servizo", expuxo o portavoz nacionalista,  David Carro.

"Entendemos que desde a administración municipal tamén se pode contribuír a mellorar este servizo, coa licitación da telefonía do Concello, unha cantidade nada desdeñable de cartos, que pode facer máis atractivo para as operadoras acabar de despregar a rede aquí", concluíu Carro.

Urbanización da estrada DP-0806

Ademais, o grupo municipal nacionalista tamén proporá instar a Deputación a continuar coa urbanización da estrada DP-0806. "Esta estrada  discorre por unha zona moi transitada do noso concello, tanto por vehículos como por viandantes ou deportistas, pasando por diante de infraestruturas tan concorridas como A Senra ou o CPI Cruz do Sar, e a futura zona deportiva que se esta rematando, así como unha zona que se foi poboando densamente nos últimos anos, polo que é importante mellorar a seguridade viaria na zona continuando coa urbanización da mesma dende a entrada do colexio, onde rematan as beirarrúas na actualidade, continuando estas ou realizando unha senda peonil", indicou o voceiro do BNG.

"A área deportiva reduce aparcamentos neste entorno, moi necesarios pola afluencia de persoas que recibe a diario, co cal con esta urbanización ganaríase espazo, minimizando así esta necesidade", expuxo Carro.

Melloras na fibra óptica e urbanización da DP0806, propostas do BNG de Bergondo no pleno de xaneiro