BNG reclama ao Ministerio a instalación de barreiras acústicas na AP-9 ao seu paso por Bergondo
Néstor Rego traslada unha demanda da veciñanza debido á contaminación acústica xerada polo tránsito da AP-9 ao seu paso polos lugares de Mariñán, Miodelo e Guísamo
Madrid, 23 de xaneiro de 2024. O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou distintas iniciativas nas que demanda ao Ministerio de Transportes a instalación dun sistema de barreiras acústicas no tramo da AP-9 ao seu paso polo municipio de Bergondo, nos lugares de Mariñán, Miodelo e Guísamo.
Traslada Rego unha demanda da veciñanza que pide medidas para mitigar o ruído causado polo continuo tránsito de vehículos pola autoestrada e que causa graves trastornos na vida diaria das e dos habitantes da zona. Ademais, o deputado do BNG solicita ao Ministerio que estude os motivos polos que se incrementou a contaminación acústica na AP-9 á altura de Guísamo, despois da última reparación do firme e a nova capa de rodadura e que formule unha vía de solución.
Un problema que afecta á calidade de vida da veciñanza
“O tránsito de vehículos a elevadas velocidades é constante”, afirma Néstor Rego quen subliña que os veciños e veciñas destes lugares levan tempo exixindo medidas como a instalación dalgún sistema redutor do impacto sonoro nas súas vivendas (pantallas acústicas por exemplo), algo habitual na construción de novas vías, mais non nas antigas.
O deputado do BNG traslada ao Ministerio tamén o caso da veciñanza de Guísamo, lugar en que a contaminación acústica aumentou despois da última rehabilitación da vía e pregunta “se pode estar relacionada co material empregado na capa de rodadura”.
Rego critica a pasividade do Ministerio ante esta situación que foi denunciada en varias ocasións pola veciñanza e trasladada ás distintas Administracións competentes “sen que se adopten as medidas pertinentes. É un problema que afecta á calidade de vida da xente”, enfatiza Rego.
“Sabe o Ministerio polos estudos de ruído dos que dispón que a exposición directa e continuada a unha contaminación acústica elevada pode derivar en problemas de saúde” e urxe a poñer remedio a esta situación que se vive como insostíbel.
Remite Rego á segunda fase do Plan de Acción contra o Ruído, elaborado polo Ministerio de Transportes, onde son detalladas as actuacións a realizar no conxunto da Rede de Estradas do Estado, atendendo á magnitude do problema de ruído, exposición e número de poboación afectada. “Uns mapas que deben ser revisados periodicamente definíndose actuacións”. Neste sentido, contextualiza a necesidade de adoptar medidas correctoras que palíen o problema do ruído da AP-9 en Bergondo.