O BNG urxe cambios na política laboral de Bergondo
David Carro: “Interesámonos no pleno pasado pola situación da Policía Local, que en agosto quedou "en cadro" e na actualidade conta cun só efectivo”
Bergondo, 10 de outubro de 2023.- O BNG de Bergondo interesouse no pleno pasado pola situación da Policía Local, que en agosto quedou "en cadro" e na actualidade conta cun só efectivo.
"Algo tan importante como a seguridade pensamos que formaría parte do pacto de goberno PSOE-AV, pacto do que non se coñecen os termos, por iso preguntamos polos plans do goberno local para mellorar o servizo. O actual concelleiro de persoal falaba non hai tanto de policía local todos os días do ano, pola contra, levamos dous meses co servizo en precario", expuxo o portavoz do BNG, David Carro.
"O cadro de persoal da policía conta con 5 efectivos, dos que dous están de baixa, e hai outras dúas prazas por cubrir. Cada vez que pode, o persoal vaise a outros concellos ou administracións, algo que pasa tamén noutros departamentos (obras, cultura, ...), por que?, polas condicións laborais, non so económicas senón tamén organizativas, e que deriva na precariedade do servizo que se presta a veciñanza", indicou Carro.
"Parece que non ven ou non queren ver a situación. Desde alcaldía non valoran ter ben organizado o persoal e os servizos, ou as condicións laborais deste, no caso da Policía levamos tempo en que sempre hai prazas pendentes de cubrir. Outro exemplo é a demora coa que sacaron a concurso a praza de conserxe do CPI Cruz do Sar, resolta fai poucos días, non reposta aínda, mentres se cubriu con "parches" sacando persoal doutros postos. Escúdase sempre na taxa de reposición que non deixa contratar, algo que é certo, pero non é menos certo que a norma depende do Goberno do Estado, no cal o PSOE, partido tamén da alcaldesa, leva 5 anos nos que tivo tempo de facer as modificacións oportunas pero en nada avanzou. Por outra banda, a taxa de reposición non di nada de mellorar as condicións económicas e laborais.", concluíu o voceiro nacionalista.