O BNG urxe no Parlamento a solucionar os recheos en solo rústico en Armuño

A deputada do BNG, Mercedes Queixas, interesouse novamente polo estado do expediente aberto polos recheos realizados en Armuño (Lubre), sen adecuarse a licenza

O BNG urxe no Parlamento a solucionar os recheos en solo rústico en Armuño

Bergondo, 20 de outubro de 2023.- A deputada do BNG, Mercedes Queixas, interesouse novamente polo estado do expediente aberto polos recheos realizados en Armuño (Lubre), sen adecuarse a licenza. “Estes recheos crearon un talude de máis de 15m. A Axencia pola Protección da Legalidade Urbanística (APLU) paralizou estes recheos en solo rústico. Posteriormente, a preguntas do BNG, a APLU indicou que ordenara volver a parcela ao seu estado orixinal posto que o realizado non era legalizable, pero a empresa responsable dos recheos presentou alegacións”, explicou Queixas.  

“Hai case ano e medio que desde o BNG nos interesamos por última vez, a parcela continua igual, pero a preocupación veciñal vai en aumento ante a falta de medidas e a chegada das choivas de inverno, que dada a orografía da zona poden afectar a todo o núcleo, como xa lle sucedeu a vivenda lindeira en máis dunha ocasión, ademais de ser un condicionante para a circulación pola principal vía de comunicación do lugar como é a estrada provincial DP-0811", indicou Queixas. 

"A veciñanza non pode estar en vilo cada vez que chove, pendente se a escorrentía pode chegarlle as casas. Insistiremos as veces que faga falta até que se lle poña solución a esta problemática. Xa o advertimos en varias ocasións, e reafirmámonos, non imos permitir que convertan Lubre no vertedoiro particular de ninguén por moito que se empeñen", concluíu o portavoz municipal, David Carro.

O BNG urxe no Parlamento a solucionar os recheos en solo rústico en Armuño