O BNG presentou as súas propostas para o orzamento municipal 2024 centradas no aspecto social

David Carro: "As nosas propostas van dende o incremento nas partidas para fomento do emprego ou emerxencia social, a dedicar máis recursos a reducir a cota polo servizo de comedor das escolas unitarias, ou a posibilidade da posta en marcha do servizo de xantar na casa”

O BNG presentou as súas propostas para o orzamento municipal 2024 centradas no aspecto social

Bergondo, 26 de outubro de 2023.- O BNG de Bergondo fixo hoxe públicas as súas propostas para o orzamento de 2024. "A pesar de que, como ten por costume, o Goberno Local non contacta coa oposición para elaborar o orzamento anual, presentamos as nosas propostas, porque temos un amplo lote de iniciativas en positivo para Bergondo", indicou o portavoz nacionalista David Carro.

"Centradas no aspecto social, como eixo principal, as nosas propostas van dende o incremento nas partidas para fomento do emprego ou emerxencia social, a dedicar máis recursos a reducir a cota polo servizo de comedor das escolas unitarias, ou a posibilidade da posta en marcha do servizo de xantar na casa. Tamén no aspecto deportivo, como a construción dun pump track ou a renovación da pista polideportiva de Cortiñán", expuxo a concelleira Tania Golpe.

Outras son xa vellas reivindicacións do BNG, como unha partida para adquirir terreos para equipamentos, outra especifica para mantemento do polígono, a renovación da praza e o entorno do centro de saúde de Guísamo e un convenio para habilitar aparcamentos, ao que se lle suman tamén agora a zona da Senra - colexio, ou a construción dun centro de actividades náuticas no Pedrido.

"Propoñemos tamén licitar as actividades culturais, deportivas e de "Universo Diverso" pendente dende a pandemia, incluíndo nestas a creación dunha escola municipal de música. Igualmente, a realización dunha programación anual estable dirixida a mocidade, especialmente nas tempadas de vacacións, que axuden a conciliar ademais de ser alternativa de ocio" expuxo Golpe.

"Entre as nosas propostas, tamén se inclúe a reedición da promoción do comercio e as empresas locais, crear un observatorio de aves/fauna no Xuncal recuperando o canal grande, bonificar as taxas pola instalación de placas solares, ou rematar a adaptación dos parques a normativa", concluíu Carro.

O BNG presentou as súas propostas para o orzamento municipal 2024 centradas no aspecto social