O BNG presentou as súas propostas para a celebración do Ano Viqueira

David Carro: “Neste 2024 cómprese o centenario de Viqueira e para lembralo propomos establecer un contacto institucional coa Institución Libre de Ensinanza e o Instituto Xoán Vicente Viqueira, para establecer unha colaboración”

Visitas guiadas, un certame literario ou ciclo de conferencias son algunhas das propostas do BNG

O BNG presentou as súas propostas para a celebración do Ano Viqueira

Bergondo, 7 de marzo de 2024.- O BNG de Bergondo presentou as súas propostas para a celebración do "Ano Viqueira", que o pleno declarou por unanimidade a instancias do grupo municipal nacionalista. “Neste 2024 cómprese o centenario de Viqueira e para lembralo propomos establecer un contacto institucional coa Institución Libre de Ensinanza e o Instituto Xoán Vicente Viqueira, para establecer unha colaboración”, explicou o portavoz do BNG David Carro. 

Desde o BNG propoñen tamén facer unha ofrenda floral no cemiterio de Ouces, onde descansan os seus restos a coincidir co seu falecemento o 29 de agosto ou co seu nacemento o 22 de outubro. “Propomos tamén que se instale unha placa conmemorativa, que se organicen visitas guiadas e dramatizadas á Quinta Cortón, e a edición de material didáctico e informativo sobre a súa figura para escolares e para o público en xeral”, engadiu o voceiro nacionalista.  

Ademais, a creación dun certame literario e/ou de investigación co seu nome, relacionado coa súa labor, ou un ciclo de relatorios, charlas, conferencias con persoas coñecedoras da figura como historiadores, familiares, membros das facultades de psicoloxía, antropoloxía e filosofía, e do instituto de estudios e investigación psicosocial Xoan Vicente Viqueira, son outras das completas propostas que presentan dende o grupo municipal nacionalista.

Por último, dende o BNG tamén propuxeron a contratación e difusión do proxecto musical “Quinta San Vitorio” do recoñecido Pedro Lamas que rende homenaxe a Viqueira e a súa muller, Jacinta Landa, que gravou nos anos 50 unhas cintas con música que grazas a investigación de Lamas poden volver ser interpretadas hoxe.

Por outra parte, dende o BNG lembraron seguen a traballar en todas as administracións para unha posíbel adquisición para patrimonio público da Quinta Cortón, lugar de residencia de Viqueira na bergondesa parroquia de Vixoi, e dedicar esta a usos culturais ou socioeducativos.

O BNG presentou as súas propostas para a celebración do Ano Viqueira