O BNG esixirá no Parlamento protección ambiental para as Brañas do Deo

Imaxe da visita de Luís Bará e Mercedes Queixas ás Brañas do Deo
Imaxe da visita de Luís Bará e Mercedes Queixas ás Brañas do Deo

Na visita á zona que tivo lugar esta mañá participaron o deputado Luís Bará e a deputada Mercedes Queixas, xunto con representantes do BNG das comarcas das Mariñas e a Montaña e representantes dos concellos afectados e das plataformas en contra dos eólicos e colectivos ambientais da comarca

Esta zona estaba incluída na proposta de ampliación da Rede Natura que é fundamental que se aprobe para conservar zonas como as Brañas do Deo cunha grande riqueza natural

O BNG esixirá no Parlamento protección ambiental para as Brañas do Deo

Aranga, 10 de xullo de 2021.- O BNG anunciou que pedirá no Parlamento protección ambiental para as Brañas do Deo, na visita á zona que tivo lugar esta mañá. Na visita participaron o deputado Luís Bará e a deputada Mercedes Queixas, xunto con representantes do BNG da comarca e da localidade e das plataformas en contra dos eólicos e colectivos ambientais da comarca. 

Diante dos proxecto de macroparque eólico que afecta directamente ás Brañas do Deo, concretamente os aeroxeneradores do parque eólico Fontella, promovido por Galernergy e do proxecto de explotación forestal promovido por José Collazo, o deputado do BNG Luís Bará anunciou que esixirá no Parlamento de Galiza protección para as Brañas do Deo. “Esta zona estaba incluída na proposta de ampliación da Rede Natura que é fundamental que se aprobe para conservar zonas como as Brañas do Deo cunha grande riqueza natural”, explicou o deputado nacionalista. 

“As Brañas do Deo son zona núcleo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e como advirten os informes ambientais albergan hábitats prioritarios segundo as directivas europeas. É fundamental que se protexa para evitar que proxectos como o do macroparque eólico do Monte do Gato ou a proposta de recualificación para a plantación de eucalipto acaben coa súa riqueza natural que é patrimonio de todos e todas”, engadiu. 

Ademais o deputado do BNG fixo fincapé no impacto sobre os recursos hídricos que terían estes proxectos. “Trátase dunha zona onde podemos atopar lagoas, humidais, charcas naturais e regos. Estes proxectos carecen ademais dun estudo hidrolóxico que garanta a non afección aos acuíferos e masas de auga das que depende toda a comarca das Mariñas”, explicaron desde o BNG. 

Preocupación polas Liñas de alta tensión que atravesan a comarca

Desde o BNG trasladaron tamén a súa preocupación polo impacto sobre a zona e sobre as vivendas e explotacións que van evacuar a enerxía dos parques eólicos en tramitación e que van atravesar a zona das Brañas do Deo e afectarán a moitos dos concellos destas comarcas como Oza-Cesuras, Abegondo, Curits ou Aranga. “Ao impacto que van ter estes macroparques hai que sumar o impacto das liñas de alta tensión que van ás subestacións proxectadas no Mesón do Vento e en Abegondo e que están causando un gran descontento entre a veciñanza”, explicou a deputada Mercedes Queixas. 

“A mobilización social é fundamental para conseguir paralizar estes proxectos que non teñen en conta as necesidades do país, os intereses da veciñanza , a protección do territorio e o medio e a compatibilidade con actividades económicas propias da contorna. Pola contra, prevalecen os intereses de grandes grupos económicos que teñen unha visión puramente depredadora dos nosos recursos”, concluíu a deputada do BNG. 

O BNG esixirá no Parlamento protección ambiental para as Brañas do Deo