O BNG insistirá na súa petición de orzamento e prazos para o bai-pass de Betanzos
“A pasada semana recibimos resposta a iniciativa presentada o pasado mes de abril esixindo orzamento e prazos para a obra do bai-pass en Betanzos-Infesta, o goberno do PSOE e Podemos segue sen concretar un horizonte temporal para a licitación desta obra”
Madrid, 29 de maio de 2021. O BNG anunciou que insistirá na súa petición de orzamento e prazos para a execución do bai-pass de Betanzos infesta na liña ferroviaria que une A Coruña con Ferrol, despois de que o goberno do Estado fixera pública a aprobación do informe abreviado do estudo de impacto ambiental desta obra, demandada durante décadas.
“A pasada semana recibimos resposta a iniciativa presentada o pasado mes de abril esixindo orzamento e prazos para a obra do bai-pass en Betanzos-Infesta, o goberno do PSOE e Podemos segue sen concretar un horizonte temporal para a licitación desta obra”, explicou o deputado do BNG, Néstor Rego. Ademais desde o BNG lembraron que o goberno do Estado rexeitou as emendas presentadas pola formación nacionalista aos Orzamentos Xerais do Estado, e que anunciara o pasado mes que non vai executar sequera os 128.000 euros previstos para o 2021 por non consideralo unha prioridade.
A obra permitiría reducir considerabelmente o tempo de duración do tramo ferroviario entre Coruña e Ferrol. “Defendemos a modernización da vía ferroviaria entre Betanzos, A Coruña e Ferrol como medio de transporte de proximidade sustentábel co medio ambiente e que permitiría artellar unha mellor comunicación no Golfo Ártabro”, explicou Rego, quen insistiu en que “se trata dunha liña que non tivo modificacións substanciais desde a súa construción no ano 1913”.
O grupo nacionalista avanzou que presentará novas iniciativas esixindo que o Estado se comprometa cuns prazos de execución e reserve orzamento para esta obra longamente demandada e “absolutamente necesaria” para reducir o tempo e que o transporte ferroviario entre Ferrol e A Coruña “fose máis atraente” e gañase usuarias e usuarios.