Votaremos en contra da proposta de orzamento do goberno local

coirós 2
Pura Ferreño e Sonia López son as concelleiras do BNG en Coirós

Nesta proposta de orzamento o goberno local do PP tampouco prevé as achegas que lle corresponderían ao noso Concello en caso de adherirnos ao transporte metropolitano. É un orzamento clientelar como vemos en todo o relacionado coa xestión de subvencións, que se conceden todas ‘a dedo’ e o alcalde sigue reservando 6000 euros para concederlle a quen el decida.

Votaremos en contra da proposta de orzamento do goberno local

Coirós, 17 de novembro de 2017. O BNG anunciou o seu voto contrario ao orzamento proposto polo goberno local no Pleno que se celebrará o luns. “Trátase de máis do mesmo dos últimos anos, un orzamento onde o investimento se limita como di o propio anexo de investimentos ao POS da Deputación. É o reflexo da falta de proxecto político”, explicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño. “É un orzamento totalmente opaco e escurantista -o gasto máis importante do orzamento vai na partida 226 outros gastos na que se reservan 223 900 euros-. É un orzamento clientelar como vemos en todo o relacionado coa xestión de subvencións, que se conceden todas ‘a dedo’ e o alcalde sigue reservando 6000 euros para concederlle a quen el decida”, engadiu. 

Ademais no anexo de investimentos informa de que “inclúe unha partida de gastos financiación suficiente para levar a cabo o proxecto de eliminación da Cruz dos Caídos e o pozo que existe nas inmediacións da Casa do Concello, mais non di de que partida se trata nin da cantidade que reservan”, criticou a portavoz nacionalista.

“Nas bases das bolsas de estudos e das axudas por nacemento son cantidades planas en lugar de en función da renda, hai anos que levamos propoñendo que se adxudiquen diferentes cantidades en función da renda familiar porque obviamente é inxusto que reciba a mesma  cantidade unha persoa cuns ingresos de 400 euros que a filla de Amancio Ortega no caso de que vivise en Coirós”, indicou Ferreño.

“Nesta proposta de orzamento o goberno local do PP tampouco prevé as achegas que lle corresponderían ao noso Concello en caso de adherirnos ao transporte metropolitano. Din que xa apoiaron a nosa proposta como argumento para votar en contra no último Pleno, pero o certo é que non teñen previsto solicitar a adhesión porque senón deberán reservar orzamento para a parte que corresponde ao Concello”, informou.

Modificación do orzamento de 2017


O BNG tamén votará en contra dun modificativo que propón o goberno para dedicar 69 mil euros do POS do ano 2017 que tería que empregarse en investimento a gasto corrente. “Non nos parece normal que o goberno se limite a investir o que ven da Deputación e nin iso gaste en melloras senón que xa vemos que non ten proxecto e que se limita ao gasto corrente para o funcionamento mínimo dos servizos máis básicos. É escandaloso”, concluíu a portavoz nacionalista. 

Votaremos en contra da proposta de orzamento do goberno local