O BNG votou en contra do orzamento de Coirós e anuncia que presentará alegacións

O BNG votou en contra do orzamento de Coirós e anuncia que presentará alegacións

Pura Ferreño, concelleira do BNG en Coirós

Coirós, 15 de novembro de 2013. O BNG votou en contra da proposta do PP para o orzamento do vindeiro ano no Pleno extraordinario que se celebrou onte. A voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño, explicou que “non pode ser que todos os anos o PP se gabe de ter un remanente positivo mentres aínda hai parte da veciñanza segue sen ter servizos básicos que o Concello está obrigado a prestar por lei, como traída ou saneamento”.

“Ademais, a diferencia dos anos anteriores este remanente non se pode incorporar ao orzamento deste vindeiro ano, senón que teñen que quedar depositados na conta bancaria como consecuencia da normativa aprobada o pasado ano polo propio PP no goberno do Estado”, engadiu a voceira nacionalista, “non entendemos a lóxica de que non se presten servizos mentres se acumulan cartos no banco e se lle suben as taxas aos veciños e veciñas, como no caso do lixo”.

A concelleira do BNG explicou que un orzamento totalmente escurantista, con conceptos tan amplos e vagos,  que é imposíbel facer seguemento do gasto e obstaculízase a transparencia. “É un orzamento opaco á medida do goberno, que cumpre polos pelos as previsións legais en canto ao contido mínimo dos conceptos consignados”, indicou Pura Ferreño, “por exemplo, nunha partida de ‘gastos diversos’ entra de todo e a veciñanza non pode saber a que se dedican eses cartos, que só nunha destas partidas son mais de 320 mil euros”.

Non pode ser que todos os anos o PP se gabe de ter un remanente positivo mentres non se prevé ningún tipo de investimento en políticas activas de emprego ou para benestar social

“Parécenos vergoñento que nun orzamento de 1 223 430 euros, o gasto corrente sexa o 56,859% do total, mentres non hai políticas de emprego, nin investimentos para mellorar ou ampliar servizos obrigatorios para o concello nin para benestar”, criticou Ferreño, “pola contra os investimentos fican reducidos a 47 020 € que representan un escuálido 3,843% , que sería a parte que lle corresponde financiar ao concello do Plan de obras e servizos da Deputación”.

“Reservan 63 000 €, o 5,149% do orzamento para subvencións nominativas dos que  11 000 son subvencións  a dedo  a varias asociacións  e entidades mais hai tamén unha partida de 6000 euros para que o alcalde distribúa como lle pete”, explicou, “isto último parécenos inaceptábel e unha práctica clientelista propia doutras épocas”.

“Consignanse de novo os 12 000 euros para violencia machista que se incluiron hai anos a petición do BNG, pero que, como podemos comprobar nas diferentes contas xerais sempre quedan sen investir”, criticou a voceira nacionalista, “non nos parece de recibo nun problema social da gravidade da violencia machista que se pretenda facer crer que existe un investimento que non é real”.

Ferreño: “Reservan unha partida de 6000 euros para que o alcalde distribúa como lle pete”

Polo que respecta aos ingresos, a voceira nacionalista explicou que están cadrados artificialmente “para cumprir o equlibrio entre gastos e ingresos”. “Resulta moi pintoresco ver como só prevén recadar 10 euros de taxa de alcantarillado, mentres en concepto de multas de tráfico prevén outros 10 euros, malia que Coirós non ten policia local”, ironizou.

“Trátase, en definitiva,  dun orzamento irreal para cumprir o trámite e permitir logo cantas modificacións orzamentarias precise a xestión do goberno local e o que é mais grave, non responde ás necesidades da veciñanza, que seguen sen servizos básicos como traída ou saneamento”, concluíu a voceira do BNG.

O BNG votou en contra do orzamento de Coirós e anuncia que presentará alegacións