O BNG emenda as contas de Coirós para retirar os 6000 euros que o alcalde pode repartir a dedo
O BNG presentou as súas alegacións aos orzamentos municipais, aprobados inicialmente só co voto do PP.
Coirós, 15 de decembro de 2014. O BNG presentou as súas alegacións aos orzamentos municipais, aprobados inicialmente só co voto do PP. A portavoz nacionalista, Pura Ferreño, explicou que máis da metade do orzamento de 1.236.188 euros, 677.760 vanse en gasto corrente mentres que só 87 000 en investimento. Asegura que nun momento de crise coma o que vivimos isto non ten defensa posíbel: nin políticas de emprego, nin investimentos para mellorar ou ampliar servizos obrigatorios para o concello como traída ou saneamento nin para maior benestar.
Neste sentido, denuncia que nunha partida de outros gastos, sen especificar, hai 267.328 . Semellante cantidade, en gasto corrente, exixiría unha maior aclaración porque pode ir destinada a calquera cousa. A isto engade que o ano pasado o Concello tivo un remanente positivo de máis de 900.000 euros e a previsión para o orzamento de 2015 faise en función dese orzamento. Asegura que, en base a isto, o orzamento é irreal xa que podería facilitar moitos máis servizos a veciñanza e non o fai tendo un superávit de 73.913, 80 euros segundo información do propio alcalde.
Ferreño explicou, ademais, que o orzamento incumpre as previsións da Lei de Subvencións, que establece que as subvencións serán adxudicadas por regra xeral mediante procedementos de concorrencia competitiva e que o Concello deberá establecer un plano estratéxico de subvencións, cousa que o goberno do PP en Coirós leva anos incumprindo. O orzamento prevé 14.000 euros para subvencións nominativas é dicir a dedo así que é evidente que a regra xeral empregada é o que a Lei prevé como excepcional. Semella que o único criterio é entregar cartos públicos de xeito arbitrario para comprar vontades, censurou a voceira nacionalista.
Mención aparte merece que se consignen 6000 euros para subvencións nominativas a repartir única e exclusivamente baixo o criterio e vontade do alcalde, criticou a voceira do BNG. Isto confronta con todas as previsións e garantías legais sobre os criterios de reparto de axudas públicas e supón un caso grave de utilización de fondos públicos para facer clientelismo político.
Neste sentido, desde o BNG propoñen revisar a redacción da Base de Execución correspondente a fin de establecer a convocatoria por concorrencia na totalidade das transferencias a entidades agrupándoas segundo sexan entidades culturais, deportivas, veciñais, asistenciais.... Isto é imprescindíbel, sobre todo, cando hai varias entidades cos mesmos cometidos e obxectivos insiste.
As axudas para bolsas de estudo e transporte son inxustas
O BNG tamén propón reformular as axudas para bolsas de estudo, transporte escolar e nacemento atendendo a criterios sociais para garantir que o uso dos fondos públicos resulta útil á veciñanza que máis o precisa. O deseño que o PP fixo destas axudas fai que se pides a de transporte non podes pedir a axuda de estudos explica Ferreño, "tal e como as deseñou o PP, as axudas para bolsas de estudo e transporte escolar son terribelmente inxustas desde o momento en que as de transporte son unha axuda liñal á que poden optar familias que teñan renda per cápita de cada membro da familia inferior a 11 000 euros anuais cunha renda familiar máxima conxunta (parella e fillos) de 30 000 euros".
As de axuda escolar din que terán presentes circunstancias como capacidade económica, número de fillos ou membros da unidade familiar para quen solicite, con renda per cápita inferior a 6000 euros, mais non barema canto puntuará cada un dos criterios sociais e de capacidade económica que indican advirte a edila do BNG. Son, polo tanto, manifestamente irregulares e arbitrarias engade e denuncia que nas circunstancias sociais, non se valoran criterios como ser vítimas de violencia machista.
Polo que respecta ás axudas por nacemento son totalmente inxustas xa que non valoran ningún criterio social e prevén conceder cantidades fixas independentemente das circunstancias da nai, só incrementadas polo número de crianzas que teña cuestiona.