O BNG pregunta no Pleno polo tramo de paseo que o Concello de Betanzos pretende executar en Coirós
O Concello de Coirós non coñece oficialmente nada do paseo que a Deputación e o Concello de Betanzos pretenden facer entre o peirao das Monxas e o Campo dos Caneiros, que atravesa parte do municipio coirosano.
Coirós, 14 de xaneiro de 2015. O Concello de Coirós non coñece oficialmente nada do paseo que a Deputación e o Concello de Betanzos pretenden facer entre o peirao das Monxas e o Campo dos Caneiros, que atravesa parte do municipio coirosano. O alcalde respondeunos no Pleno que o que sabía era a través da prensa e que agardaba que o convidasen á inauguración, explica a voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño.
A edila nacionalista preguntara no Pleno se a Deputación e o Concello de Betanzos pediran opinión ao noso Concello sobre a realización deste proxecto que vai ter, sobre todo no caso da escollera, un altísimo impacto sobre o estado do río Mandeo. Ferreño advertiu que no termo municipal de Coirós o paseo contempla unha escollera no río e obras no propio campo dos Caneiros.
Ante a pregunta do BNG o alcalde de Coirós responde que espera ser convidado a inauguración e que só coñece o asunto a través dos medios de comunicación
Asinou o Concello de Coirós algún convenio coa Deputación para a realización destas obras dentro do noso termo municipal? quixo saber a representante do BNG, que lamentou que o goberno local do PP non tivese informado á Corporación deste asunto. Pura Ferreño interpelou ao goberno local sobre se consideran que é aceptábel que o Concello veciño de Betanzos contrate proxectos e obras no termo municipal de Coirós.
Neste sentido, preguntou se o Concello de Coirós concedeu algún tipo de licencia para estas obras e polas actuacións que prevé realizar o alcalde con respecto a este proxecto. Que sabía do asunto só pola prensa e que agarda que o conviden á inauguración foi o que nos dixo o alcalde, que ía mirar de informarse engade Pura Ferreño, aínda que polo visto non semella que lle pareza mal que Betanzos contrate e faga obras no Concello de Coirós.
O BNG pediu a paralización do proxecto no Parlamento
Os nacionalistas, por medio dos deputados Francisco Jorquera e Ana Pontón, presentaron unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para demandar a paralización do proxecto debido ao seu impacto ambiental. O goberno municipal de Betanzos non someteu o proxecto ao trámite de información pública, violando así o dereito da veciñanza a presentar alegacións, nin solicitou informes a augas de Galiza nin a ningún dos departamentos da Xunta directamente afectados, critica Henrique del Río, portavoz do BNG en Betanzos.