O BNG propón que Coirós se sume ao transporte metropolitano
O BNG presentou unha moción para pedir a adhesión á área de transporte metropolitana e a implantación dunha liña de transporte público entre as diferentes parroquias.
Coirós, 21 de xaneiro de 2014. O BNG presentou unha moción para pedir a adhesión á área de transporte metropolitana e a implantación dunha liña de transporte público entre as diferentes parroquias.
No ano 2005 a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galiza e os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros asinaron un convenio de colaboración mediante o que se constituíu a Area de Transporte Metropolitano da Coruña. No ano 2007 adheríronse a este convenio os Concellos de Sada e Carral e no 2008 Bergondo e Betanzos. Máis recentemente produciuse a adhesión do Concello de Miño, explicou a voceira do BNG de Coirós, Pura Ferreño, a medida máis popular consistiu na implantación dunha tarxeta metropolitana que supoñía descontos nas viaxes en transporte público para as persoas usuarias.
No convenio recóllese tamén a figura do SIM (Servizo de interese municipal) que supón cubrir as necesidades de desprazamento dentro dun único Concello e que entendemos que contemplaría propostas como a que leva anos defendendo o BNG dunha liña interna que una as diferentes parroquias co Centro de saúde, a farmacia ou o Concello
Aínda que no BNG estamos convencidos de que o sistema de transporte na nosa comarca e no conxunto da área metropolitana da Coruña e amplamente mellorábel e que moitas das melloras recollidas no convenio da Área Metropolitana de Transporte non se están cumprindo, pensamos que ás vantaxes para a nosa veciñanza de dispoñer dunhas bonificacións nas viaxes entre o noso concello e a cidade da Coruña ou a cabeceira comarcal, Betanzos, resultaría moi beneficiosa, indicou a voceira nacionalista.
Desde o BNG discrepamos do sistema que compensa as empresas concesionarias con cartos públicos por deixar de ingresar unha parte do prezo do billete, mentres as empresas non fan ningún investimento para fomentar o uso do transporte colectivo, criticou a voceira nacionalista. Pensamos que unha xestión pública directa do servizo ou, cando menos, unha nova negociación que modifique os termos dos contratos coas empresas concesionarias para garantir as frecuencias nos diferentes servizos sería imprescindíbel para que o transporte público resultara eficaz e polo tanto se incrementase o seu uso.
A maiores, no convenio en vigor recóllese tamén a figura do SIM (Servizo de interese municipal) que supón cubrir as necesidades de desprazamento dentro dun único Concello e que entendemos que contemplaría propostas como a que leva anos defendendo o BNG dunha liña interna que una as diferentes parroquias co Centro de saúde, a farmacia ou o Concello, explicou Ferreño. De feito, hai varios concellos da área metropolitana con este servizo en funcionamento ou que planean implantalo ou melloralo con novas liñas como Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros ou Aranga.
O BNG criticou tamén a información sobre o transporte público
Na propia páxina web do noso Concello, hai un apartado onde consultar os horarios de autobus. As frecuencias que, según a propia web oficial hai serían as dos autobuses da compañía Arriva que fan parada na N VI ao seu paso polo noso Concello. Serían 6 buses de ida entre Coirós e a cidade da Coruña e outros 8 de volta da cidade. O último faría parada en Coirós ás 19 h., o cal é evidente que non é operativo para unha persoa que o queira utilizar como medio de transporte para volver do seu posto de traballo, na maior parte dos casos, criticou Pura Ferreño, non dá información tampouco sobre a conexión entre Coirós e Betanzos ou outros concellos da nosa comarca. E só aparecen uns cadros co tempo que falta para o último autobús á Coruña e a Lugo.