O BNG alegará ao "orzamento irreal" de Coirós

Pura Ferreño é a portavoz do BNG de Coirós

O BNG votou en contra da proposta de orzamentos para 2015 presentada a Pleno polo goberno do PP. A voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño, explicou que “non pode ser que todos os anos o PP se gabe de ter un remanente positivo mentres aínda hai parte da veciñanza segue sen ter servizos básicos que o Concello está obrigado a prestar por lei, como traída ou saneamento”.

O BNG alegará ao "orzamento irreal" de Coirós

Coirós, 26 de novembro de 2014. O BNG votou en contra da proposta de orzamentos para 2015 presentada a Pleno polo goberno do PP. A voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño, explicou que “non pode ser que todos os anos o PP se gabe de ter un remanente positivo mentres aínda hai parte da veciñanza segue sen ter servizos básicos que o Concello está obrigado a prestar por lei, como traída ou saneamento”.

“Por culpa das leis que aproba o PP, ademais, este remanente non se pode incorporar ao orzamento deste vindeiro ano, senón que teñen que quedar depositados na conta bancaria”, engadiu a voceira nacionalista, “non entendemos a lóxica de que non se presten servizos mentres se acumulan cartos no banco”.

“Máis da metade do orzamento, 677 760 euros dun total de 1 236 188 euros, vaise en gasto corrente” denuncian os nacionalistas, que lamentan que “apenas 87 000 van para investimentos”. “As maiores partidas van a conceptos totalmente opacos como ‘outros gastos diversos’ ou ‘outros gastos en empresas privadas’, de maneira que se fai imposíbel controlar en que se gastan os cartos de todos e todas” denuncian. A esta relación engaden outros “267 328 euros en ‘outros gastos da administración xeral’ que poden gastarse no que o alcalde queira”. “A maiores a segunda grande partida de gasto corrente vai a unha empresa privada, para xestionar o servizo de limpeza e aseo 175 000 mil euros en servizos privatizados” denuncian.

 

“As contas reservan 6000 para que o alcalde faga clientelismo dándolle os cartos que saen dos impostos de todas e todos os veciños a quen el considere”

 

Desde o BNG denuncian tamén que o orzamento contén 14 000 euros para outorgar subvencións a dedo e sen convocatoria pública. “E tamén como todos os anos outros 6000 que se reserva o alcalde para facer clientelismo e darlle cartos que saen dos impostos de todas e todos os veciños a quen el considere” engade Ferreño. “Isto é propio doutras épocas, caciquil e clientelar”, cuestiona. “Se o alcalde ou o PP queren comprar votos e vender favores que o fagan cos seus cartos e non con cartos públicos” engade.

“Consignanse de novo os 12 000 euros para violencia machista que se incluiron hai anos a petición do BNG, pero que, como podemos comprobar nas diferentes contas xerais sempre quedan sen investir”, criticou a voceira nacionalista, “non nos parece de recibo nun problema social da gravidade da violencia machista que se pretenda facer crer que existe un investimento que non é real”.

“Trátase, en definitiva,  dun orzamento irreal para cumprir o trámite e permitir logo cantas modificacións orzamentarias precise a xestión do goberno local e o que é mais grave, non responde ás necesidades da veciñanza, que seguen sen servizos básicos como traída ou saneamento”, concluíu a voceira do BNG.

O BNG alegará ao "orzamento irreal" de Coirós