“NON PODE CONSENTIRSE MÁIS O ABANDONO DAS NOSAS RUTAS E DO NOSO PATRIMONIO NATURAL"

O BNG de Aranga reclama maior atención ás rutas de sendeirismo

BNG; 
Aranga;
17-novembro-2018

O sendeirismo de calidade, dinamizado e con rutas mantidas pode converterse nun importante recurso turístico para Aranga.

O BNG de Aranga reclama maior atención ás rutas de sendeirismo

Aranga, 10 de agosto de 2020.-  Na mañá do sábado 8 de agosto, unha sendeirista que facía a ruta do Rego do Palanca, no concello de Aranga, tivo un accidente grave e resultou ferida de gravidade nunha perna. O rescate, no que interveu o Grupo de Intervención Rápida e o 061, foi moi complicado non só polas características orográficas da ruta, senón polo estado da propia ruta, que nalgúns tramos, tal como denuncia o BNG, chega a ser “intransitable”.

Falta de coidados e mantemento das rutas

O BNG de Aranga non fai responsable ao goberno local do accidente, pero afirma que o accidente pon de manifesto “unha vez máis” o abandono en que se encontra a ruta e o turismo en xeral no concello de Aranga.

“Queremos deixar claro que non culpamos ao goberno local do accidente, pero é denunciable o estado en que se encontra a senda, o cal fixo aínda máis complicado o rescate”, declarou o responsábel local do BNG Carlos Díaz.

As queixas sobre a falta de mantemento da ruta do Rego da Palanca son constantes desde hai moito tempo, aclaran desde o BNG, sen que o goberno local teña feito nada para mellorar o seu estado. Por poñer un exemplo, a chegada ao lugar do Couce é intransitable coas silvas e toxos. “Non pode consentirse máis o abandono das nosas rutas e do noso patrimonio natural”, denuncian desde o BNG.

As rutas de sendeirismo, un potencial turístico sen explotar

Desde o grupo nacionalista recordan que a natureza de Aranga é o seu principal atractivo turístico e esperan que este lamentable accidente sirva de revulsivo para comezar a traballar máis e mellor nesta área.

“O goberno local ten que poñerse a traballar. As sendas, como as principais pistas do Concello, non poden limparse só en véspera de eleccións ou de festas patronais”, esixen desde o BNG. 

Non pode consentirse o abandono das nosas rutas e do noso patrimonio natural, non só por unha cuestión de saúde, senón tamén porque pode ser unha importante forte de emprego, traendo turismo a Aranga”, afirma Díaz.

Os nacionalistas insisten en que o goberno local “non está a facer os deberes” e reclaman unha planificación anual de limpeza das rutas peonís, que poña fin ao abandono e evite accidentes como o do sábado que, ao xuízo do BNG, “en nada favorecen a imaxe de Aranga na comarca e na provincia”. 

As rutas como patrimonio e fonte de riqueza

Con todo, o BNG non quere quedarse apenas na denuncia, senón que propón unha serie de medidas que convirtan o turismo deportivo e natural nunha das prioridades do goberno local. Para Díaz, Aranga debería centrarse moito máis no fomento dun “sendeirismo de calidade, dinamizado e con rutas mantidas”. Incide ademais o portavoz do BNG noutro aspecto das rutas de sendeirismo, parte fundamental do patrimonio natural e cultural, material e inmaterial de Aranga, que cómpre preservar e protexer por ser unha fonte de riqueza e desenvolvemento para a veciñanza.

“As rutas son un factor básico do desenvolvemento endóxeno e por iso debe ser tratado coa máxima dilixencia. Cando falamos de manter ou crear novas rutas, tamén pensamos en conservar e identificar o patrimonio natural e cultural, para que a veciñanza e as persoas que nos visiten poidan desfrutalo nas mellores condicións”.

O BNG propón varias “medidas urxentes” nesta área. Entre elas, destaca a mellora do mantemento e sinalización dos roteiros existentes, xunto coa sinalización de novos roteiros en torno a elementos singulares. Así mesmo, os nacionalistas reclaman a recuperación e mantemento das sendas peonís e a creación doutras novas, sen esquecer a promoción de rutas de sendeirismo adaptadas a todas as idades.

O grupo nacionalista propón traballar na recuperación de elementos patrimoniais materiais e inmateriais integrándoos na vida cotiá de arangueses e aranguesas, a través dun programa de actividades ao longo de todo o ano, mais especialmente en verán.

Así mesmo, para as nacionalistas sería fundamental integrar o patrimonio natural na estratexia educativa, cultural e turística do Concello, creando paquetes de actividades que poñan en valor estes recursos e que os dean a coñecer de forma contextualizada, ben inseridos na historia de Galiza.

“E para iso, obviamente, é preciso dedicar unha importante partida do orzamento municipal para poñer en marcha estas medidas, porque sen diñeiro pouco se poderá facer”, aclaran desde o BNG.

O BNG de Aranga reclama maior atención ás rutas de sendeirismo