“GARANTIR O ACCESO ÁS TELECOMUNICACIÓNS DEBERÍA SER UNHA PRIORIDADE TANTO PARA O GOBERNO LOCAL COMO PARA O AUTONÓMICO”

O BNG reclama melloras na rede telefónica na parroquia de Fervenzas

BNG-ARANGA;....24-marzo-2019;

O BNG de Aranga presentará unha iniciativa no Parlamento para solucionar a falta de cobertura telefónica e de internet en Fervenzas

O BNG reclama melloras na rede telefónica na parroquia de Fervenzas

Aranga, 31 de xullo de 2020. Hai un ano e medio, o BNG denunciaba as carencias de servizos básicos na parroquia aranguesa de Fervenzas. Hoxe, o portavoz municipal do BNG en Aranga, Carlos Díaz, pide ao goberno local, en mans do PP, que esixa ao goberno autonómico medidas efectivas que permitan corrixir as deficiencias técnicas, que están a impedir á veciñanza de amplas zonas da parroquia de Fervenzas (zona central e baixa) o acceso á telefonía móbil e a internet. 

Unha oportunidade de subvención perdida polo goberno local 

O grupo nacionalista trasladaba hoxe os constantes problemas de cobertura que sofren en amplas zonas da parroquia de Fervenzas, en especial na zona media e baixa, mesmo en aldeas a menos de 100 metros da N-6. Así mesmo, o responsábel local do BNG, Carlos Díaz, lamenta que a corporación local non teña máis iniciativa neste terreno e deplora que o goberno de Alberto Platas deixase escapar a ocasión de solucionar os constantes problemas de cobertura telefónica na zona.

Refírese Díaz ao Convenio marco de colaboración asinado entre a AMTEGA e a FEGAMP para mellorar a cobertura de móbil no rural galego, cofinanciadas parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

“Unha vez máis, a falta de iniciativa e de interese do goberno local fixo que a veciñanza de Aranga perdese outra oportunidade para mellorar os servizos e por tanto, é unha ocasión perdida para mellorar calidade de vida”, afirmou Díaz.

“Ven de rematar a “lexislatura do rural”, pero a realidade nos concellos rurais como o noso é un contexto marcado polo desmantelamento de servizos públicos, con deficiencias no transporte, sen acceso a entidades bancarias e con recortes de servizos sanitarios, entre outros. Todo isto é unha mostra do desleixo do PP,  que só se acorda do rural cando chegan as eleccións”, criticou Díaz.

Os servizos, un factor clave para fixar poboación

O portavoz bloqueiro en Aranga insiste en que este o desinterese dos sucesivos gobernos do PP por solucionar os problemas de acceso á telefonía móbil no concello de Aranga fai máis difícil fixar poboación no concello e garantir oportunidades de progreso para as persoas. 

“Se contar con servizos é fundamental para fixar poboación, garantir o acceso ás telecomunicacións debería ser unha prioridade tanto para o goberno local como para o autonómico”, engaden os nacionalistas, críticos coa “fenda dixital” da veciñanza de Fervenzas, que imposibilitaría ademais que as persoas poidan establecerse en Aranga e crecer ou emprender novos proxectos emprendedores.

O BNG anuncia a iniciativa parlamentaria

O grupo nacionalista demandará a Xunta que tome conta do problema no concello de Aranga e para iso presentarán unha iniciativa no Parlamento tan pronto como este se constitúa, na segunda semana de agosto, para solucionar a falta de cobertura telefónica e de internet no concello de Aranga. 
O BNG de Aranga instará á Xunta de Galiza para que da man do Concello de Aranga, volva a realizar as xestións necesarias coa veciñanza para dar resposta aos problemas de cobertura telefónica e internet en varios núcleos de poboación do Concello de Aranga, garantindo a igualdade de oportunidade de todos e todas as veciñas.
Ademais, a iniciativa recollerá un segundo punto para que a Xunta se dirixa ao Goberno de España e que ambas administracións teñan en conta a existencia desta e doutras posibles zonas de sombra na provincia da Coruña á hora de desenvolver os seus plans de extensión de redes de banda larga.

O BNG reclama melloras na rede telefónica na parroquia de Fervenzas