Manel Pérez, candidato do BNG á alcaldía de Paderne

BNG; Paderne;
01-decembro-2018

O candidato do BNG á alcaldía de Paderne vese como “a alternativa ao goberno do PSOE” e insta a veciñanza a apoiar o proxecto nacionalista: “Podemos vivir mellor, pero hai que crer que o cambio é posíbel; iso pasa, desde logo, por crer máis en nós mesmos, porque Paderne é un municipio cheo de potencial, cunha gran riqueza natural e cultural. Non podemos esperar que os problemas se solucionen por arte de maxia”

Manel Pérez, candidato do BNG á alcaldía de Paderne

Paderne, 1 de febreiro. Tras a reunión da asemblea local do BNG de Paderne, confírmase que Xosé Manuel Pérez (“Manel”), repetirá como candidato do BNG nas vindeiras eleccións municipais. O candidato do BNG, actualmente concelleiro nunha corporación presidida polo PSOE, di “aspirar a todo” e confía en aumentar o respaldo da veciñanza de Paderne. Na candidatura acompañarán a Manel, novas incorporacións como David Monteagudo ou Ruth Gallego, con outras persoas que xa levan anos participando no grupo do BNG, como Antón Rivas ou Miguel Carnota.

O concelleiro nacionalista márcase como primeiro obxectivo “recorrer as aldeas de Paderne, para recoller as queixas e principais demandas da veciñanza”, e critican o inmobilismo e a falta de actividade dun goberno local hoxe “obstáculo principal para o progreso do concello”, afirma Pérez

Crítica á xestión privatizadora do goberno socialista

O grupo nacionalista ten censurado ao longo da lexislatura a aposta socialista pola privatización e por unha xestión “opaca e ineficiente, porque deixou sen executar boa parte do último orzamento”, critica Pérez.

Desde o BNG comentan que o goberno do PSOE non foi capaz nos últimos anos de crear servizos de calidade para a xente, deixando un legado de “servizos insuficientes e deficientes”, que lastran as posibilidades do concello.

Un proxecto de futuro fronte a un goberno cansado e sen ideas

“Nós temos ilusión e ganas. Niso non nos gaña ninguén”, declara o portavoz nacionalista. “Durante estes tres anos e medio temos levado aos plenos mocións para mellorar Paderne e poñer en valor os recursos que o concello ten”, declara Pérez.

Para o BNG, é evidente o abandono da xestión diaria por parte do goberno local, que se observa “no mal estado das pistas e dos elementos patrimoniais que son un elemento identitario, ademais dun reclamo turístico para o concello”, deplora o responsable nacionalista.

O grupo nacionalista afea tamén aos socialistas a “notoria falta de mantemento de parques e xardíns” e considera que é a mostra das dificultades do PSOE para afrontar tarefas de mantemento sinxelas que ao final trasladan unha mala imaxe de Paderne no seu conxunto”.

Mobilidade e saneamento, puntais da proposta de goberno nacionalista

Pero non se trataría só das pistas ou dos xardíns O concelleiro nacionalista recorda as súas denuncias de problemas no saneamento. O BNG de feito propuxo nesta lexislatura mellorar a depuración das augas que o Concello cun sistema mixto que combine fosas sépticas cun sistema depurado en balsas biolóxicas, con plantas que transformen augas residuais en augas aptas para regadío, uso recreativo ou explotación económica”, propuxo Pérez.

“Paderne necesita un novo goberno xa. É incríbel que o goberno local do PSOE se negue a adherir ao transporte metropolitano e que non apoie as nosas propostas para mellorar a seguridade viaria. Sen ir máis lonxe tardaron meses en colocar as marquesiñas, que fora unha proposta do BNG”, lembra Pérez.

O candidato do BNG á alcaldía de Paderne vese como “a alternativa ao goberno do PSOE” e insta a veciñanza a apoiar o proxecto nacionalista: “Podemos vivir mellor, pero hai que crer que o cambio é posíbel; iso pasa, desde logo, por crer máis en nós mesmos, porque Paderne é un municipio cheo de potencial, cunha gran riqueza natural e cultural. Non podemos esperar que os problemas se solucionen por arte de maxia”, critica Pérez.

A diferenza do PSOE, a candidatura do BNG di ter “unha visión centrada no concello”, centrada na necesidade de crear emprego e mellorar os servizos dispoñíbeis no concello.

“Estamos a falar do arranxo dos parques infantís, da posta en marcha do servizo de “mañanceiros” nas escolas, en levar a rede de sumidoiros a todo o concello, mellorar a depuración, levar a traída todo o concello, amañar as pistas e solicitar un centro de maiores... Son medidas todas elas realizables, sempre que haxa vontade política. E nós témola.”, conclúe Pérez.

Manel Pérez, candidato do BNG á alcaldía de Paderne