O BNG de Oza dos Ríos propón suprimir os gastos en propaganda e destinalos á traída
O BNG de Oza dos Ríos presentou hoxe as alegacións ao orzamento do concello fusionado de Oza e Cesuras.
Oza dos Ríos, 10 de decembro de 2014. O BNG de Oza dos Ríos presentou hoxe as alegacións ao orzamento do concello fusionado de Oza e Cesuras. Segundo a Lei é obrigatoria a celebración dunha comisión informativa previa á convocatoria do pleno que non se celebrou explicou a voceira nacionalista, Estefanía Busto. Só con este formalismo habería que volver a tomar o acordo da aprobación inicial do ornamento, pero hai graves cuestións de fondo nel como para quedarnos na superficie técnica, explicou.
As edilas do BNG propoñen nas súas alegacións eliminar a partida de 11 000 euros para os gastos de locomoción do goberno local. Solicitamos que non se cobren os desprazamentos dentro do propio termo municipal para implantar o servizo de mañanceiros e comedor escolar no colexio de Cesuras engaden Estefanía Busto e Arancha Sánchez.
Solicitamos que non se cobren os desprazamentos dentro do propio termo municipal para implantar o servizo de mañanceiros e comedor escolar no colexio de Cesuras
No mesmo sentido, as dúas representantes do BNG propoñen suprimir as partidas dos 7000 euros en propanganda, 6000 de atencións protocolarias e 30 000 de dietas para cubrir servizos imprescindíbeis como a traída de augas ou o saneamento. Hai que suprimir o gasto en protocolo, propaganda e dietas e adicalo a dar uns servizos básicos adecuados como saneamento ou subministro de auga engade Busto.
Dado que como explicaron os secretarios no Pleno de aprobación do orzamento non se vai efectuar xubilación anticipada ningunha, solicitamos que se suprima esta partida e se habilite unha para cumprimento de sentenza por despedimento improcedente, xa que como explicaron os técnicos esa é a finalidade deste gasto aseguran as nacionalistas.
Rematar coas subvencións a dedo
O orzamento incumple as previsións da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, que establece que as subvencións serán adxudicadas por regra xeral mediante procedemento de concorrencia competitiva explica a voceira do BNG. Neste sentido, dentro das alegacións formuladas polas dúas concelleiras nacionalistas está elaborar un plano estratéxico de subvencións, poñendo de manifesto no mesmo os obxectivos e efectos que se pretenden coa súa aplicación, o prazo para a súa consecución, os custes previsíbeis e as fontes de financiamento.
Ademais, insisten en que é totalmente irregular que as bases de execución prevean con carácter extraordinario outorgar máis subvencións nominativas até un máximo de 3000 euros a outras entidades que o alcalde considere. Este proceder contradí os supostos regulados na lei xeral de subvencións e, polo tanto, solicitamos que se revise para axustarse á legalidade xa que isto incide na arbitrariedade xa mencionada engaden no seu escrito.
Son cartos de todas e todos que se entregaran a entidades sen necesidade de concorrer a concurso" explicou a concelleira nacionalista, "a única lectura que podemos facer a isto é comprar vontades".