O BNG reclamou que a modificación do PXOM en Porzomillos se someta a avaliación ambiental
O BNG de Oza dos Ríos vén de presentar as alegacións á recualificación de terreo rústico para a construción dun xeriátrico en Porzomillos.
Oza dos Ríos, 16 de decembro de 2014. O BNG de Oza dos Ríos vén de presentar as alegacións á recualificación de terreo rústico para a construción dun xeriátrico en Porzomillos. As nacionalistas reclaman que o plan especial sexa sometido a avaliación ambiental. "O Concello de Oza-Cesuras, resultado da fusión dos antigos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras segue contando con planeamento urbanístico diferente para o que eran até o ano pasado termos municipais diferentes. No caso de Oza dos Ríos réxese por un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente no ano 2001, que non está adaptado á Lei de Ordenación Urbanística Galega que entrou en vigor en xaneiro 2003; e no de Cesuras, réxese por un planeamento de maior antigüidade como son, as Normas Subsidiarias Municipais vixentes de o ano 1997, explicou a voceira nacionalista Estefanía Busto.
Ningún destes instrumentos de planeamento se someteu no momento da súa aprobación a Avaliación ambiental xa que no momento da súa aprobación non era imprescindíbel este trámite que sí o é na actualidade segundo a LOUGA. Por iso, reclamamos que calquera Plan especial que afecte a este Concello se someta a avaliación ambiental como neste caso o presente Plan Parcial, indicou Busto.
Ademais, sendo certo que non excede a edificabilidade prevista pola lexislación o certo é que se duplica a edificabilidade máxima prevista polo PXOM dun máximo de 0.20 m2/m2 para plans parciais a un 0.40 m2/m2 que o que se prevé neste Plan concreto. En ningún momento se explica a necesidade de duplicar a edificabilidade da parcela para o interese público.
Duplícase a edificabilidade máxima prevista polo PXOM dun máximo de 0.20 m2/m2 para plans parciais a un 0.40 m2/m2que o que se prevé neste Plan concreto, mais en ningún momento se explica a necesidade de duplicar a edificabilidade da parcela para o interese público
A parcela está calificada no PXOM de Oza dos Ríos como solo APU R1: rustico común apto para urbanizar, que adaptandoo á lei do solo en vigor sería solo urbanizábel non delimitado. Nos polígonos de solo urbanizábel non delimitado é obrigatorio ceder gratuitamente e libre de cargas á Administración municipal o solo correspondente ao 10% do aproveitamento tipo da área de reparto, mais estas cesións non se contemplan no documento de inicio, informou a voceira nacionalista.
Os custes de urbanización dos terreos en que se ubique este aproveitamento deberán ser asumidos polos propietarios que tamén teñen que ceder tamén o terreo necesario para a execución dos sistemas xerais que o propio Plan inclúa, como debera ser o caso dun sistema de depuración para o propio xeriátrico, porén estas obras non se contemplan no documento, que como toda previsión ten conectar as redes de augas residuais existentes, indicou Busto.
O BNG cuestiona o forte impacto visual que suporá unha construción duns 4990m2 cunha altura máxima de 7 metros no medio dunha aldea de casas ailladas
Segundo os nacionalistas, o documento de incio do Plan Especial é impreciso, "non se prevé o número de persoas usuarias nin como se realizará a xestión de residuos sanitarios, é probábel que os servizos básicos do concellos non sexan suficientes" indicou Busto. "Tampouco se explica como se vai integrar na edificación o transformador de media tensión que hai na propia parcela nin as medidas para garantir a seguridade" informou.
Ademais destas cuestións, o BNG tamén cuestiona o forte impacto visual que suporá unha construción duns 4990m2cunha altura máxima de 7 metros, "parece evidente que un edificio destas dimensións, situado a carón dunha aldea con vivendas illadas non é o máis acaido" concluíu a voceira nacionalista.
"Desde o BNG non nos opoñemos á construción dun xeriátrico, mais si nos parece reprobábel que o goberno local do PP pretenda recualificar solo rústico para a construción dunha residencia privada" afirmou Busto, "unha das grandes promesas da fusión era a rehabilitación do sanatorio do Paraxón para este mesmo fin, no documento que vimos de rexistrar propoñemos que a residencia sexa de titularidade pública e se apraveite ese edificio". "Os únicos beneficiados serán os donos dos terreos, que verán multiplicado o seu valor, unha residencia pública é un servizo para o pobo, unha privada é negocio", engadiu a concelleira nacionalista.