O BNG solicita que o goberno traslade os informes da tala á fiscalía
O BNG de Oza dos Ríos vén de rexistrar no Concello unha moción solicitando que se depuren responsabilidades e se dea traslado á Fiscalía sobre a tala no parque do Paraxón.
Oza dos Ríos, 6 de abril de 2015. O BNG de Oza dos Ríos vén de rexistrar no Concello unha moción solicitando que se depuren responsabilidades e se dea traslado á Fiscalía sobre a tala no parque do Paraxón.
"Á vista dos tres informes independentes realizados por enxeñeiros podemos concluír que os prezos pagados polo concello non se corresponden coa realidade e non hai razón obxectiva que xustifique ese incremento" informou Estefanía Busto, voceira do BNG en Oza dos Ríos. Polo tanto, pensamos que o Concello debe dar traslado do tema á fiscalía para que se depuren responsabilidades.
"As veciñas e veciños de Oza e Cesuras debemos saber como se gastan os cartos públicos, é por iso que desde o BNG solicitamos que se dea traslado dos informes técnicos á Fiscalía para que se lles dea o curso necesario" explicou a portavoz do BNG. Non nos parece admisíbel que o Concello asuma que existiu un sobrecusto e non tome ningunha medida ao respecto. Como a xuntanza cos técnicos que elaboraron os proxectos foi hai máis dunha semana e non volvemos saber nada vímonos obrigadas a pedir que se tomen medidas.
Á vista dos tres informes independentes realizados por enxeñeiros podemos conclúir que os prezos pagados polo concello non se corresponden coa realidade e non hai razón obxectiva que xustifique ese incremento
"Desde o BNG pensamos que as persoas responsábeis deste sobrecusto, pagado con cartos públicos deben asumir as súas responsabilidades, tanto patrimoniais como penais", concluíu Busto. Entendemos que o goberno local ten que ser escrupulosamente correcto nos gastos que asume con cartos públicos, xa que é escandaloso que se consintan sen máis capítulos irregulares como o da tala do parque do sanatorio de Cesuras.
O BNG denuncia a falta de interés do alcalde no tema
O alcalde non estaba na xuntanza á que nos convocaron cos técnicos que elaboraron os informes. Parécenos que queda claro o interese que ten o goberno local por depurar responsabilidades neste tema cando nin tan sequera participa nas xuntanzas sobre o tema. Do goberno local so participou o concelleiro cuxa empresa familiar estaba contratada para extraer a madeira, indicou a voceira nacionalista.