O BNG critica que o alcalde convoque un pleno para debater as 'liortas' internas do propio PP
O BNG criticou que o alcalde convocara un Pleno extraordinario para debater sobre as liortas internas do propio PP.
Oza dos Ríos, 27 de marzo de 2015. O BNG criticou que o alcalde convocara un Pleno extraordinario para debater sobre as liortas internas do propio PP.
Non nos parece de recibo que o alcalde convoque un Pleno para facer un paripé cando a solución ao tema da fusión non vai vir de facer campañas publicitarias antes das eleccións municipais, explicou a voceira nacionalista Estefanía Busto. Desde o BNG pensamos que os problemas internos do propio Partido Popular non poden seguir condicionando a vida dos veciños e veciñas de Oza e Cesuras.
Convócannos a un Pleno extraordinario esta mañá para debater unha moción que presenta o propio alcalde para facer campaña publicitaria da súa suposta defensa dos intereses da veciñanza fronte aos seus propios compañeiros do PP no Ministerio de facenda. É, cando menos, surrealista, indicou Busto.
Pensamos que toda esta situación a creou o propio PP anunciando unha fusión no debate do estado da nación en Compostela hai 3 anos, só para tapar cunha cortina de fume outros problemas do País e que o noso alcalde pensou máis en ser un alumno avantaxado de Feijoo que nas necesidades do noso Concello, recordou a concelleira nacionalista, e agora que vemos as consecuencias co proceso recorrido diante do Constitucional intenta facernos crer que a súa prioridade é a veciñanza só porque estamos en precampaña das municipais.
Desde o BNG, estamos a favor de que se financien os servizos necesarios no noso Concello, por suposto, pero non imos contribuír ao teatro que quere facer o noso alcalde colgando pancartas e mandando cartas a Montoro, como se non fose o propio PP o que toma as decisións no Ministerio de Facenda, informou a voceira nacionalista. O que debera facer Cacheiro se de verdade non está conforme coa actuación do PP é non seguir encabezando a candidatura para as seguintes municipais.
Desde o BNG, estamos a favor de que se financien os servizos necesarios no noso Concello, por suposto, pero non imos contribuír ao teatro que quere facer o noso alcalde colgando pancartas e mandando cartas a Montoro, como se non fose o propio PP o que toma as decisións no Ministerio de Facenda
As nacionalistas abstivéronse neste acordo porque por nos non vai quedar que os servizos en Oza e Cesuras teñan a financiamento que precisan, mais os problemas entre membros do PP deberán solucionalos eles e non intentar confundirnos a todos os veciños e veciñas.
Novo incumprimento da lexislación na convocatoria do Pleno
O mes pasado, o 27 de febreiro, tiñan que ter convocado o Pleno ordinario e de novo non o fixeron, como ven sendo habitual. Nos temos mocións rexistradas que non levan a debate e convocan agora un Pleno extraordinario para facer campaña co teatro do alcalde contra o seu propio partido, concluíu Busto.