Denunciamos que o alcalde "se sigue saltando as mínimas formas democráticas"
O BNG Asembleas abertas de Oza e Cesuras volve denunciar que o alcalde do PP segue saltándose as mínimas formas democráticas, “no pleno ordinario celebrado esta mañá impedíronnos debater tres mocións que foron rexistradas antes da convocatoria do pleno, en tempo e forma”
Oza dos Ríos, 29 de agosto de 2016. O BNG Asembleas abertas de Oza e Cesuras volve denunciar que o alcalde do PP segue saltándose as mínimas formas democráticas, “no pleno ordinario celebrado esta mañá impedíronnos debater tres mocións que foron rexistradas antes da convocatoria do pleno, en tempo e forma” informou Estefanía Busto, voceira do BNG-AA en Oza-Cesuras.
Segundo explican as nacionalistas na semana pasada presentaron tres mocións, “os plenos ordinarios e a presentación de mocións é a única ferramenta que temos desde a oposición para levar as nosas iniciativas, deste xeito están atentando contra o dereito das veciñas a participar no Concello” informou Busto.
“Neste caso levamos ao pleno unha moción para exixir o cumplimento da lei de transparencia, xa pasaron 8 meses desde que a lei entrou en vigor e o concello de Oza-Cesuras non ten no web municipal ningún portal de transparencia para render conta á veciñanza” explicou a portavoz nacionalista, “o alcalde non pode seguir utilizando como pretexto a fusión para saltarse a lei, vendéronnos un concello modélico, máis a realidade é ben diferente” denunciou Busto.
CEIP de Cesuras
As nacionalistas rexistraron tamén unha moción pedindo a xestión pública da conserxaría e mantemento do CEIP O Forte-Bragade de Cesuras, “con data do 12 de agosto de 2016 saíu a licitación o contrato dunha empresa privada para efectuar os servizos de conserxaría, limpeza e mantemento do CEIP O Forte-Bragade, en Cesuras; pola cantidade de 18 000, polo procedemento negociado sen publicidade” informou Busto.
“Desde o BNG defendemos a xestión pública directa dos servizos porque pensamos que son máis eficientes, dan un servizo de maior calidade e máis económico. A xestión privatizada só beneficia á empresa privada mentres que ofrece un emprego máis precario e de peor calidade. Entendemos que a privatización só leva á precariedade laboral e a perda de calidade nos servizos” afirmou Busto.
“Segundo o goberno do PP estas mocións non estaban xustificadas, polo que nin sequera tivemos opción de debatelas, constantemente nos vemos obrigadas a denunciar publicamente a falta de respecto do PP ás mínimas formas democráticas” asegurou a portavoz do BNG, “de non mudar estas formas verémonos na obriga de tomar outras medidadas”, concluíu Busto