Demandaremos no pleno melloras na seguridade viaria da AC-840
A situación que se dá en Filgueira de Barranca, onde non hai límites de velocidade nin pasos seguros que permitan que os peóns poidan cruzar dunha beira a outra non é única, este problema é extensible a todo o trazado da estrada
O BNG Asembleas abertas de Oza e Cesuras presentou no concello unha moción para demandar melloras na seguridade viaria na AC-840, informou Estefanía Busto, portavoz do BNG no concello. “A estrada autonómica AC-840 transcorre máis de 18 quilómetros polo noso concello, desde a saída da autovía en Mondoi até Filgueira de Barranca, limitando xa co concello de Curtis e en todo este percorrido por diferentes núcleos de poboación só hai dous pasos de peóns situados no centro de Oza” explicaron as nacionalistas.
“A falta de medidas de seguridade viaria fai que esta estrada supoña un risco para condutores e peóns, e nos últimos anos rexistráronse varios accidentes con vítimas mortais”, explicou Busto. “Este é un grave problema e a veciñanza está reclamando solucións, recentemente a asociación de veciños e veciñas de Filgueira de Barranca realizou diferentes actividades para demandar maior seguridade na estrada ao seu paso pola parroquia” informou a voceira nacionalista.
“A situación que se dá en Filgueira de Barranca, onde non hai límites de velocidade nin pasos seguros que permitan que os peóns poidan cruzar dunha beira a outra non é única, este problema é extensible a todo o trazado da estrada” lamentan as nacionlistas.
Desde o BNG-AA lembran que non é a primeira vez que reclaman as melloras precisas para esta estrada, “trasladamos esta situación en diferentes ocasións ao concello e ao parlamento galego, demandando que se realicen as actuacións oportunas para garantir a seguridade dos veciños e veciñas”, explicou a portavoz nacionalista. “Ademais da moción que presentamos no concello volveremos trasladar estas demandas ao parlamento galego” anunciou Busto.