Reunímonos coa asociación veciñal de Filgueira de Barranca para demandar medidas de seguridade na AC-840

unnamed
Imaxe da reunión entre o BNG e a asociación de veciñas e veciños de Filgueira de Bardanca

A falta de seguridade viaria en Oza e Cesuras é unha proba máis do abandono do rural por parte do PP.  A fusión de municipios fracasou: en vez de garantir servizos, deterióraos. As comunicacións seguras axudan asentar poboación e poñen en valor os recursos do municipio.

Reunímonos coa asociación veciñal de Filgueira de Barranca para demandar medidas de seguridade na AC-840

Oza dos Ríos, 3 de febreiro.  O BNG de Oza e Cesuras reuniuse na tarde de hoxe, sábado 3 de febreiro, coa asociación veciñal de Filgueira de Barranca, para tratar o tema da seguridade viaria na estrada AC-840 ao seu paso polo concello de Oza e Cesuras. Tratouse dun primeiro encontro entre a asociación veciñal e o grupo nacionalista, encabezado pola portavoz local, Estefanía Busto.

Na reunión, as veciñas trasladaron ao BNG as súas demandas, que pasan por crear unha senda peonil, cando menos dende o campo da festa ao campo de igrexa, e colocar bandas redutoras; por outro lado, a asociación pediu sinais para asegurar a saída dos cruces das diferentes aldeas, tanto vertical como horizontal.

“Hai dous anos, a conselleira díxonos que reclamaría a Fomento un radar fixo”. Dous anos despois, a vía só dispón dun radar fixo en momentos puntuais, polo que o problema de inseguridade continúa sen solución”, afirmaron desde a asociación. Para as veciñas, ademais, non se trataría apenas de inseguridade polos excesos de velocidade, senón tamén do mal estado do firme en varios tramos da vía.

Por parte do BNG, a súa portavoz Estefanía Busto, trasladou as iniciativas sobre o tema realizadas desde 2015, en especial a emenda aos orzamentos de 2018, na que o BNG pedía 100.000 que permitisen as demandas históricas da veciñanza. A asociación veciñal lamentou a falta de apoio das diferentes administracións e mostrou a súa esperanza de que o apoio do BNG consiga incrementar a seguridade viaria na AC-840.

O BNG, por boca de Estefanía Busto, lamentou a inacción do PP, ao que ve “incapaz de solucionar o problema a pesar de gobernar no Concello, na Xunta e no Estado”. As nacionalistas lamentan a falta de vontade real do PP por solucionar o problema e pregúntanse “se González Cacheiro vai reclamar agora a Feijoo maior seguridade na vía cunha pancarta na A6”.

“A falta de inseguridade en Oza é unha proba máis o abandono do rural por parte do PP; a fusión fracasou, porque en vez de garantir servizos, deteriorounos. Necesitamos sendas que unan os lugares principais de Oza e faciliten o acceso aos servizos”, reclamou a portavoz nacionalista.

“As comunicacións seguras axudan asentar poboación e poden poñer en valor os recursos do municipio, como as rutas das Fervezas da Ruxidoira”, engadiu Busto.

O BNG apoia, en definitiva, as propostas da asociación veciñal, que pasan por recoller sinaturas, e anunciou novas accións para presionar o goberno da Xunta que “vende as bondades da fusión, que ía traer máis investimentos a Oza, pero que despois nega 100.000€ nos orzamentos autonómicos para mellorar a AC-840”, lamentou Estefanía Busto.

Reunímonos coa asociación veciñal de Filgueira de Barranca para demandar medidas de seguridade na AC-840