O BNG denuncia un novo engano a respecto da escola infantil
O BNG-asembleas abertas de Oza dos Ríos e Cesuras denuncia os sucesivos enganos a respecto da escola infantil.
Oza dos Ríos, 19 de xuño de 2015. O BNG-asembleas abertas de Oza dos Ríos e Cesuras denuncia os sucesivos enganos a respecto da escola infantil. "O proxecto da gardería existe desde o 2011, xa antes da fusión, e a súa posta en marcha estaba prevista para comezos de 2014; desde entón seguimos a encadear mentiras", informan desde o BNG.
"No proceso de fusión o PP utilizou a escola como reclamo, foi unha das tantas promesas incumpridas, mais o único que se fixo foi unha foto cos dous alcaldes, o presidente da Deputación, a Conselleira de Benestar e un cartel" explican desde o BNG.
Estefanía Busto: Durante a campaña das municipais colocaron unha caseta de obra na finca adquirida para a escola infantil, e seguiron prometendo a súa posta en marcha, mais foi o único que se fixo, e agora, só unha semana despois de comezar a nova lexislatura, a primeira acción do PP foi retirar esa caseta
"Durante a campaña das municipais colocaron unha caseta de obra na finca adquirida para a escola infantil, e seguiron prometendo a súa posta en marcha, mais foi o único que se fixo, e agora, só unha semana despois de comezar a nova lexislatura, a primeira acción do PP foi retirar esa caseta" explica Estefanía Busto, voceira do BNG. "Non sei até que punto pretenden seguir enganando á veciñanza", engadiu Busto "Exiximos que o goberno local explique se realmente se vai construír a escola, e de ser así, cales son os prazos de execución", conclúe Busto.