Estefanía Busto: O despedimento de empregados municipais vai privar á veciñanza de Oza de servizos
O BNG acusou ao PP de mentir para vender as bondades dunha fusión que non se ven por ningures.
Oza dos Ríos, 20 de decembro de 2012. O BNG interesouse polo despedimento de varios empregados do Concello de Oza dos Ríos a raíz do Pleno do pasado mércores, en concreto a encargada da OMIX, o encargado do mantemento das instalacións deportivas e a educadora familiar.
O BNG exixiu que se lle explique á veciñanza se os van privar destes servizos ou se non é o caso con que persoal se van prestar. Non sabemos quen vai realizar estas funcións, aínda que esperamos que o PP non estea destruíndo emprego público para contratalo a empresas privadas amigas como adoita facer coa escusa da austeridade.
O alcalde non explica como se vai concretar esta situación só di que os traballadores non se van substituír por outros e que evidentemente se vai deteriorar a calidade dos servizos explicou a portavoz nacionalista. Para esta decisión unilateral o alcalde nin sequera agardou a que entrase en vigor o orzamento de 2013, nin por suposto contou cos grupos da oposición, advirte a edila do BNG.
Ademais destes despedimentos, o goberno local do PP pretende prescindir dun total de once prazas. Onde quedan as promesas de Diego Calvo e o PP en relación ás vantaxes da tan anunciada fusión? cuestionou Busto. O informe que elaboraron desde a Deputación dicía que o persoal de ambos Concellos pasaría a formar parte do cadro de persoal do novo Concello, agora demóstrase que iso non é certo afirmou a concelleira do BNG. Queda demostrado que o PP mentiu para vender as bondades da fusión, que non se ven por ningures, concluíu.
Paga extra aos empregados públicos
O BNG tamén cuestiona a decisión do goberno local do PP de non aboar a paga extraordinaria de Nadal aos empregados municipais. O BNG non vai ser cómplice desta medida, que en ningún caso vai encamiñada a solucionar a crise e que ademais da perda de poder adquisitivo terá consecuencias directas moi negativas sobre a economía local, a hostalaría e o pequeno comercio apuntou a voceira do BNG.