O BNG lamenta que o goberno local do PP impida a participación da veciñanza na modificación do PXOM
Estefanía Busto: Este é o comportamento habitual do alcalde de Oza ocultar información e intentar que a veciñanza non participe nos asuntos do Concello. Estamos a favor de que veñan empresas a Oza, pero non cremos que teñan que vir a costa dos intereses dos veciños.
Oza dos Ríos, 14 de setembro de 2012. O BNG criticou que o goberno local de Oza aprobe a modificación do Plan Xeral, outra vez, a través dun Pleno Extraordinario Urxente. Busto asegura que non vemos ningún motivo para a extraordinaria urxencia do pleno porque este tema leva enriba da mesa desde o mes de xuño.
Desde o BNG de Oza explican que o anterior Pleno onde o goberno local presentara a modificación do PXOM en Mondoi xa fora convocado por este mesmo procedemento de urxencia. Ademais a concelleira nacionalista lamentou a total falta de transparencia do goberno do PP tanto neste asunto como noutros como a fusión, claves para o futuro de Oza.
Entendemos que non é de recibo que xustifiquen a urxencia na próxima celebración das eleccións galegas, cando foi o seu propio partido o que decidiu adiantar esta convocatoria, engadiu a voceira nacionalista, se eles non coñecían a data de celebración das eleccións non sei quen a coñecía ironizou.
Neste sentido, a concelleira do BNG recorda que na primeira votación en pleno a modificación do PXOM xa recibiu un voto crítico dos nacionalistas porque mantiñan algunhas reservas que a avaliación da Xunta confirmou. Estamos a favor de que veñan empresas a Oza, pero non cremos que teñan que vir a costa dos intereses dos veciños, indica Busto.
Ademais, o BNG avoga por cobrar un canon adecuado sobre este grande consumo de auga para que o Concello poida asegurar o subministro á poboación de Oza, o mantemento das infraestruturas e a depuración das augas. Non pode ser que os veciños paguen os pratos rotos polas présas do alcalde, asegura Estefanía Busto.
Por estes motivos, desde o BNG exixen ao goberno local do PP que aclare a que veñen tantas présas neste proceso e reclaman a máxima transparencia na modificación do PXOM. Unha transparencia que os nacionalistas entenden que non se dá convocando un pleno cunhas horas de antelación.
Non é a primeira vez que nos vemos obrigados a denunciar publicamente o escurantismo e a falta de respecto ás mínimas formas democraticas do PP no noso concello advirte Busto, que censura que o PP habitualmente convoca Plenos extraordinarios, o que impide que poidamos facer propostas e debater sobre as necesidades dos veciños. Isto debe ser para o Partido Popular un goberno forte, aquel que non escoita aos representantes da veciñanza, criticou a concelleira do BNG.