Cristina López, elixida nova responsábel do BNG das Mariñas
A crise vale de escusa para todo con tal de ir contra as maiorías sociais: desde desmantelar o tren na comarca a recortar os servizos sanitarios ou o ensino.
Betanzos, 5 de abril de 2013. Cristina López Sánchez electa nova responsábel do BNG das Mariñas logo da asemblea celebrada na tarde de onte, encabezando a candidatura proposta polo consello comarcal saínte foi elixida por unanimidade.
Licenciada en Humanidades e empregada da administración autonómica, Cristina López foi membro do Consello Comarcal e coordinadora das campañas electorais do BNG nas Mariñas. Substitúe así a Pura Ferreño, que cumpriu como responsábel comarcal o período máximo que permiten os Estatutos do BNG.
O novo consello comarcal composto por persoas que conxugan unha dilatada experiencia nos movemento sociais e institucionais, recolle a pluralidade da organización así como cambios xeracionais coa participación de xente moza.
Acompañan a Cristina López, Henrique del Río (Betanzos), Estefanía Busto (Oza dos Ríos), David Carro (Bergondo), Xabier Seixo (Bergondo), Marcos Abalde (Miño), Henrique Abraira (Miño), Vanesa Deibe (Aranga), Miguel R. Carnota (Paderne) e Pura Ferreño (Coirós e anterior responsábel comarcal). Como suplentes figuran Paulo Filgueiras (Miño), Andrés Otero Martínez (Betanzos) e María Otero (Betanzos). A esta listaxe, cun marcado carácter renovador, sumaranse os responsábeis locais que sexan electos no proceso asemblear aberto e o representante comarcal de Galiza Nova.
Dentro deste proceso de renovación dos órganos de dirección, a nova responsábel fixo referencia ás liñas básicas de traballo, orientadas á defensa dos intereses da maioría social: A crise vale de escusa para todo con tal de ir contra as maiorías sociais: desde desmantelar o tren na comarca a recortar os servizos sanitarios ou o ensino, denunciou.
A nova responsábel comarcal do BNG comprometeuse a traballar para que a conciencia nacionalista e de esquerda sexa hexemónica nas Mariñas e en Galiza e apelou a superar o marco actual. Non imos baixar os brazos na defensa da maioría social e na construción da alternativa que ilusione o noso pobo, indicou.