O BNG pedirá na comarca que a limpeza do ríos vaia mais alá dunha roza estival
Está moi ben limpar o río no verán, pero é moita hora de que os gobernos empecen a pensar na súa veciñanza, que reside e paga impostos todo o ano.
Betanzos, 25 de marzo de 2013. O BNG pedirá que a proposta do PSOE sobre a marxes do Mendo e Mandeo se complete erradicando os verquidos que se seguen a producir. Por desgraza o Mandeo ten problemas moito máis preocupantes que a limpeza das beiras, indicaron os nacionalistas.
Os nacionalistas comparten a necesidade de retirar árbores caídas ao cauce para garantir a seguridade das persoas que navegan polo río e combater os desbordamentos, mais apuntan que o principal problema do Mandeo non está nas súas beiras, senón na calidade da súa auga. Hai que garantir que a limpeza non afecta á cantidade de especies que viven do río, recomendan.
Desde o BNG lamentan que o goberno do PSOE en Betanzos entenda necesario limpar o río só no verán e de cara ao turismo e pretendan exportar esta visión reducionista a toda a comarca. Está moi ben limpar o río no verán, pero é moita hora de que os gobernos empecen a pensar na súa veciñanza, que reside e paga impostos todo o ano, reprochan.
Falar neses termos implica ignorar o patrimonio que encerra o Mandeo e esquecer por completo a súa posta en valor todo o ano, aseguran desde o BNG das Mariñas.
Por todo isto, o BNG propoñerá modificar o acordo do PSOE para incorporar a necesidade de reclamar á Xunta a erradicación dos verquidos á ría e aos ríos e a súa posta en valor. Tamén pedirán que os concellos da comarca asuman como unha prioridade poñer fin aos verquidos industriais e de augas fecais aos ríos e á ría.