Busto: O proceso de fusión foi unha sucesión de mentiras e desinformación
Oza dos Ríos, 15 de xuño de 2013. O BNG denunciou que a xestora do novo concello de Oza-Cesuras queda conformada en exclusiva por representantes do PP e do PSOE. Estefanía Busto: O único grupo que queda excluído da xestora é o BNG, máis de 800 veciñas e veciños quedan sen representación. Isto supón un atraco á democracia.
Seguimos sen ter información sobre o criterio que seguiu o PP para nomear esta comisión: non se cumpre a proporción de votos das eleccións municipais nin a paridade de xéneros, apuntou Busto. O mais grave é que os veciños e veciñas tampouco están sendo informados absolutamente de nada. O mínimo que podía facer o Partido Popular, despois de decidir unilateralmente unha fusión sen contar coa opinión de ninguén é informar debidamente á veciñanza.
Estefanía Busto: O mínimo que podía facer o Partido Popular, despois de decidir unilateralmente unha fusión sen contar coa opinión de ninguén é informar debidamente á veciñanza.
A única información que recibiron as veciñas e veciños de Oza foi por parte do BNG. Nin os concellos, nin á Deputación, nin a Xunta fixeron nada por escoitar aos veciños e veciñas nin para informalos das consecuencias da fusión, criticou Busto, claro que mal se pode informar se non hai estudo serio e o único que poden dicir é unha mentira tras outra.
O Partido Popular prometeu nun primeiro momento que se ía manter todo o persoal e servizos dos dous concellos. Onte o recen nomeado alcalde de Oza-Cesuras recoñecía que ía ter que facer axustes no cadro de persoal, criticou a voceira do BNG en Oza, supoño que estes despedimentos irán sumados á diminución dun terzo do persoal que levaron a cabo cando aprobaron os orzamentos de Oza dos Ríos.
O BNG insistiu en que o PP esta furtando a participación a 800 veciños e veciñas.
Exiximos ao Partido Popular que rectifique e nomee unha nova xestora que se adapte á legalidade e sen exclusións, afirmou Busto, sabemos que ao PP lle molestamos porque informamos aos veciños e veciñas do que sucede no Concello con datos reais e por iso intentan excluírnos.
O BNG exixe ao Partido Popular que rectifique e nomee unha nova xestora que non exclúa 800 veciños e veciñas da participación no novo concello.
Os nacionalistas insisten en que todo o proceso de fusión e o de nomeamento da xestora está cheo de irregularidades, como o incumprimento de Lei electoral ou a participación de persoas inhabilitadas para cargo público, concluíu Busto.