O BNG criticou que presidira a constitución da xestora unha persoa inhabilitada para cargo público
Oza dos Ríos, 14 de xuño de 2013. O BNG denunciou que a xestora do novo concello de Oza-Cesuras queda conformada en exclusiva por representantes do PP e do PSOE. A concelleira do BNG en Oza dos Ríos, Estefanía Busto, acompañada por membros do Consello Comarcal do BNG acudiron á sesión constituínte para amosar o seu desacordo con todo o proceso de fusión.
Acudimos a esta sesión para mostrar o noso desacordo con este nomeamento, o único grupo que queda excluído da xestora é o BNG, máis de 800 veciñas e veciños quedan sen representación, isto supón un atraco á democracia informou Busto, isto non é casual, o PP exclúe ao BNG premeditadamente. Aínda non sabemos que criterio se seguiu para nomear esta comisión: non se cumpre a proporción de votos das eleccións municipais nin a paridade de xéneros. Isto é o cume dun proceso que desde o comezo estivo repleto de irregularidades, apuntou Busto.
Membros e simpatizantes do BNG acudiron á sesión portando cartazes con lemas como 150 km de confusión, PP: fusionamos para recortar A fusión non é a solución ou Non é fusión, é PPropaganda. Con este xesto pretendemos mostrar, máis unha vez, o desacordo do BNG coa fusión, que foi feita ás costas da veciñanza, explicou a voceira do BNG en Oza.
Estefanía Busto: O único grupo que queda excluído da xestora é o BNG, máis de 800 veciñas e veciños quedan sen representación, isto supón un atraco á democracia
A única información que recibiron as veciñas e veciños de Oza foi por parte do BNG. A proba de que a xente non se sinte partícipe do proceso é que apenas asistiron veciños e veciñas á sesión. Isto é mostra de que o PP non fixo nada para implicar á veciñanza neste proceso, reprobaron os nacionalistas.
Os nacionalistas criticaron tamén que presidira a sesión José Peón, exalcalde do PP de Oza, inhabilitado para cargo público por unha sentenza xudicial firme. Outra irregularidade a sumar ao carro que xa leva este proceso, conclúen. Por este motivo a sesión rematou entre berros de Isto é unha cacicada ou Esta sesión é ilegal.