O BNG pide que o PP pida desculpas ao pobo de miño por esta desfeita e a demisión do alcalde
Miño, 19 de xuño de 2013. O BNG exixiu unha desculpa inmediata por parte do PP de Miño polo gravísimo dano provocado coa sentenza que condena ao Concello a asumir 21 millóns de euros polas expropiacións de Costa Miño Golf. Os nacionalistas reclaman tamén a dimisión inmediata do alcalde e o seu goberno por este novo fallo xudicial.
É a proba máis evidente de cara onde nos leva o modelo de crecemento do PP, indican os nacionalistas. Agora os veciños e veciñas teremos que pagar 21 millóns de euros, con cartos de todas e de todos, no medio desta crise que vivimos, lamentan desde o BNG de Miño. E non é unha maldición divina, débese a que o PP xogou o futuro de Miño á economía especulativa, en lugar de apostar por potenciar os sectores nos que temos máis oportunidades, critican.
O peor de todo é que o PP non se quere dar por enterado e acaban de aprobar unha nova lei de costas para seguir facendo este tipo de cousas, cuestionan. Só buscan o beneficio duns poucos e condenan á miseria ou á emigración á maioría social, como deixa ben en evidencia esta sentenza, aseguran desde o BNG.
Mentres pagamos os excesos urbanísticos do PP, o propio PP recortará os servizos públicos
Para os nacionalistas, grazas o PP, a veciñanza de Miño terá que pagar do seu peto os pratos rotos do negocio de Fadesa. Os nacionalistas critican que mentres pagamos os excesos urbanísticos do PP, o propio PP recortará os servizos públicos aos que tiñan que ir destinados os impostos dos e das miñenses.
O BNG acusa ao goberno local do PP de antepoñer os intereses da empresa promotora aos intereses xerais do Concello. Dá igual falar de Romeu, de Maceiras ou de Veiga, é o mesmo PP quen gobernou todo este tempo desde que empezaron as expropiacións no 2002, recordan.
Por este motivo, desde o BNG reclaman a dimisión do goberno local de Miño, do PP. Por non facer nada por evitar algo que estaba visto, por cargarlle a toda a veciñanza os gastos de luz e servizos desta macrourbanización pantasma e por pretender vender Miño aos especuladores urbanísticos, indican. Antes de marchar, que teñan algo de dignidade e pidan desculpas públicas por esta desfeita, conclúen desde a asemblea local do BNG. E que marchen gozar das bondades do seu modelo de municipio a Marbella, ironizan.