O BNG acusa a Veiga de non asumir a súa responsabilidade no despropósito de Costa Miño Golf
Miño, 20 de xuño de 2013. O BNG volveu exixir a dimisión inmediata do alcalde de Miño, Jesús Veiga, e de todo o goberno municipal do PP. Á vista das declaracións do alcalde, aínda é máis evidente a incompetencia do goberno local, que non sabe por onde empezar a solucionar este problema.
Estamos a falar dun problema provocado e engordado polo goberno local do PP desde o ano 2002, advirten os nacionalistas. Nese ano Jesús Veiga xa formaba parte do goberno local e que saibamos, nin con Deogracias Romeu nin con Juan Maceiras, Veiga nunca votou en contra da macrourbanización de Fadesa, indican.
Polo tanto, é dunha cobardía que dá noxo que o alcalde, diante da sentenza que obriga ao Concello a pagar 21 millóns de euros pida non mirar atrás, aseguran desde o BNG. Veiga e todo o PP de Miño son a causa do problema e teñen que asumir a súa responsabilidade.
O problema aquí é que os beneficiados son sempre os mesmos, porque ningún acabará na cadea nin vai asumir as súas responsabilidades, e os prexudicados somos sempre os mesmos: todas as persoas que imos pagar este despropósito provocado polo PP.
O alcalde minte cando di que non vai recurtar o gasto en servizos para facer fronte á sentenza, aseguran os nacionalistas. Desde o BNG pregúntanse con que cartos senón vai poder asumir o pagamento da condea. Sabe perfectamente que o Concello vai ter que asumir este pago co que teña, advirten. Ou acaso o PP pretende deixar sen pagar á veciñanza o que a Xustiza di que lles corresponde?, interrogan.
Os prexudicados son, en primeiro lugar, todas as veciñas e veciños de Miño, que aínda que o alcalde diga que non, sabe perfectamente que vai ter que recurtar en servizos para facer fronte aos pagos, aseguran desde o BNG. Ou é que se pide un préstamo cre que os bancos van regalarlle os cartos e que a veciñanza non vai ter que pagar os xuros? ironizan.
En segundo lugar, son prexudicadas tamén todas as persoas expropiadas, que non recibiron un prezo xusto polo seu terreo e que levan once anos tentando cobrar o que lles corresponde, aseguran. O problema aquí é que os beneficiados son sempre os mesmos, porque ningún acabará na cadea nin vai asumir as súas responsabilidades, e os prexudicados somos sempre os mesmos: todas as persoas que imos pagar este despropósito provocado polo PP, conclúen.