Busto: empezan a caer polo seu propio peso todas as falsas expectativas creadas coa fusión polo PP
O goberno local terá que aclarar agora que se vai facer cos terreos, 329.322 metros cadrados de solo rústico recalificados a medida por PP e PSOE.
Oza dos Ríos, 10 de abril de 2013. O BNG lamentou o anuncio da filial española de Coca Cola de adiar sen data o proxecto para radicarse en Mondoi. A voceira nacionalista, Estefanía Busto, preguntouse se a nova foi acollida polo alcalde brindando outra vez con Coca Cola ou se agora vai deixar de frivolizar co asunto.
Segundo Busto, empezan a caer polo seu propio peso todas as falsas expectativas creadas coa fusión polo PP. Condicionaban a instalación de Begano á fusión de concellos e agora vemos que a empresa lle dá carpetazo ao asunto, indicou.
O PP leva polo menos desde 2009 prometendo postos de traballo a costa da instalación desta multinacional e agora a veciñanza pode ver claramente que non había nada en firme, indicou. Hai menos de un ano que o propio alcalde afirmou que todo Begano estará en Oza antes de dez anos e cremos que a xente merece unha explicación asegurou. A ver se o alcalde é capaz de falar por unha vez en serio dun tema tan preocupante para a veciñanza como é o emprego, reclamou.
Nos orzamentos que o PP aprobou para o ano 2013 tan so contemplan 100 euros para fomento do emprego asegurou Busto, que entende que isto é especialmente grave tendo en conta que actualmente hai 261 veciñas e veciños de Oza en situación de desemprego. O PP xogou coas ilusións da xente vendéndolles fume e cremos que unha administración pública non pode deixar en mans dunha empresa privada o fomento do emprego afirmou Busto.
Terreos recalificados a medida
Desde o BNG recordan que o Pleno de Oza, cos votos a favor de PP e PSOE, aprobou unha modificación do Plan Xeral para recalificar a medida 329.322 metros cadrados de solo rústico para que a Coca Cola se instalase en Oza. O traslado, segundo se publicou, estaría vinculado á venda dos terreos que a empresa ocupa actualmente na Coruña. Debe ser que como neste momento non hai demanda de solo para a construcción non é tan doado vender estes terreos, ironizou Busto.
O goberno local terá que aclarar agora que se vai facer cos terreos, indicou Estefanía Busto, xa que parece que tampouco hai, por desgraza, tanta demanda de solo industrial en Oza dos Ríos.