O BNG denuncia que a Deputación subvenciona obras sen licenza
Se chega a ser a vivenda dunha persoa de Bergondo xa hai tempo que lle tiñan parada a obra. Sen embargo, a este clube de tenis non só se lle permite continuar, senón que lle pagamos a obra con cartos públicos.
Bergondo, 15 de abril de 2013. O BNG denuncia que a Deputación da Coruña concedeu unha subvención de 8900 euros para equipamento deportivo a un clube de tenis que está construíndo unhas pistas sen licenza de obras. O clube de tenis Pedralba non ten licenza para levar a cabo a ampliación que está facendo das súas pistas, explicaron os nacionalistas, se chega a ser un veciño ou veciña de Bergondo xa hai tempo que lle tiñan parada a obra, como é lóxico. Non sabemos porque a este clube de tenis non só se lle permite continuar, senón que lle pagamos a obra con cartos públicos.
Os nacionalistas exixiron do goberno local unha explicación de porque se permite continuar esta obra cando saben perfectamente que está nunha situación ilegal e queremos saber que medidas tomou o goberno local de PSOE e VB para que se cumpra coa legalidade urbanística. Non sabemos se van financiar unha obra ilegal con cartos públicos para despois despois ter que demolela ou é que pretenden legalizala a medida se algún día conseguen aprobar o PXOM, indicaron.
Pensamos que, hoxe por hoxe, o que precisa Bergondo non é ampliar unhas pistas de tenis privadas, criticaron, no concello coa taxa de desemprego mais alta de toda a comarca parécenos escandaloso que se gasten 8900 euros en pistas de tenis en lugar de dedicalas a fomento de emprego. Os nacionalistas explicaron tamén que non é como din un problema de que as administracións públicas non teñan cartos, senón de a que adican os cartos de todos e todas.
Que intereses están defendendo os membros da oposición cando todo o mundo sabe que as obras se están executando, porque está a vista, e non fixeron nada para evitalo?, preguntaron os nacionalistas, despois escandalizámonos do dispendio de cartos públicos mentres se recorta en educación ou sanidade.
Os nacionalistas preguntarán no Parlamento polo estado desta obra
O BNG interesarase no Parlamento galego pola situación na que se encontra a autorización para esta obra. Non sabemos en que situación está neste momento, temos constancia de que se lle deu traslado á Consellería de medio ambiente, territorio e infraestruturas para que informara sobre o tema. Queremos saber cal é a situación actual deste asunto, concluíron.