O BNG votará en contra da fusión de Oza con Cesuras no pleno do xoves
Busto: Os motivos da fusión son propaganda política, unha chantaxe que en ningún caso favorecerá á veciñanza de Oza dos Ríos.
Oza dos Ríos, 9 de xaneiro de 2012. O BNG de Oza anunciou hoxe o voto negativo da formación nacionalista á aprobación definitiva do proxecto de fusión entre Oza e Cesuras, no Pleno convocado para o vindeiro venres, co único aval dun informe ateigado de promesas sen fundamento que non aclaran nin que vai significar para os habitantes destes municipios, nin que servizos se compartirían. A este respecto, Busto sinala que aínda non se presentou un estudo serio das repercusións, custes e beneficios da fusión.
Neste contexto, a nacionalista avanza que o BNG votará en contra da aprobación definitiva da fusión ao entender que a unión destes dous concellos non vai ser solución aos problemas da veciñanza, O proxecto de fusión foi un despropósito desde o comezo, todas as decisións se tomaron desde Santiago, sen ter en conta á veciñanza e as necesidades reais do concello engadiu a voceira nacionalista. "Todo o informe remitía a futuros investimentos que agora vemos que non se cumpren, onde quedan agora as palabras de Diego Calvo e as partidas da Deputación que prometía? Onde quedan as promesas de grandes investimentos da Conselleira Mato?.
Neste sentido, a portavoz nacionalista criticou que os orzamentos da Xunta de Galiza non contemplan ningunha partida para as obras condicionadas á fusión, estes orzamentos son unha mostra máis de que a fusión de concellos só foron promesas baleiras apuntou Busto agora non hai investimentos para todas as obras que se contemplaban no proxecto da fusión, nin centro de día nin escola infantil, da que por certo xa se inaugurou o cartel, pero que agora non teñen ningún financiamento real, "supoño que a escola infantil a pagarán do seu peto Rueda e Calvo, posto que non está orzamentada" ironizou Busto.
O PP mostra así a súa verdadeira faciana, os motivos da fusión son propaganda política, unha chantaxe que en ningún caso favorecerá á veciñanza de Oza dos Ríos, o único que conseguiron con este proxecto foi destruír o emprego emprego público como comprobamos recentemente cos despedimentos de empregados municipais criticou a portavoz do BNG.
Do mesmo xeito Estefanía Busto cuestionou a futura instalación de empresas no noso concello teremos que facer outro acto de fe e crer sen ningún compromiso escrito que ENCE ou Begano se van instalar en Oza, o único que temos son fotografías, mais ningún plan para fomento de emprego, as promesas de posto de traballo no actual contexto de crise e coas cifras de persoas desempregadas son unha chantaxe, é xogar coa ilusión da veciñanza engadiu a concelleira nacionalista.
O BNG segue apostando pola supresión das Deputacións
Busto pon de manifesto que ademais cómpre unha revisión administrativa que conduza cara á desaparición das deputacións e que cómpre a comarcalización de servizos.
O PP utiliza o debate da fusión para evitar o debate fundamental: as deputacións provinciais son institucións desfasadas que entran nunha duplicidade ou triplicidade de servizos e o primeiro paso que habería que dar para remodelar a configuración territorial e institucional en Galiza sería a desaparición das deputacións, salienta. A edil nacionalista afirma que as deputacións gastan o 60 por cento do seu orzamento en manterse a si. No 2010, os galegos e galegas teriamos aforrado 300 millóns de euros se se suprimisen as deputacións, mais, como xa vimos, as deputacións fanlle falta ao PP para asegurar as súas dinastías, denuncia.
Neste sentido a voceira nacionalista exixe ao PSOE que se defina "por unha banda están en contra da fusión, e por outra pactan co PP a reforma da administración local.