O BNG volve denunciar que o goberno do PP impide a participación da oposición nos plenos
Oza dos Ríos, 23 de decembro de 2013. A portavoz municipal do BNG en Oza dos Ríos, Estefanía Busto, acusou ao alcalde de amordazar á oposición. A voceira nacionalista reprochou ao goberno local do PP que, máis unha vez, non permita debater ningunha das propostas que o BNG presentou no Concello.
O xoves celebrarase un pleno ordinario, mais o alcalde non incluiu na orde do día ningunha das propostas do BNG, criticou a concelleira nacionalista, é nos plenos ordinarios cando a oposición podemos levar as nosas propostas, mais con esta actitude ditatorial non nos permiten facer a nosa labor.
Estefanía Busto: Como vén sendo tradicional, o PP segue a poñer atrancos á participación da oposición, xa que, cando convocan os plenos ordinarios, non permiten que se debatan as propostas do BNG
O alcalde está impedindo que se expresen libremente unha parte das veciñas e veciños que confiaron no BNG para representalos afirma a concelleira nacionalista. Busto advirte ao alcalde que evitando que a oposición presente iniciativas ao Pleno non me impide falar a min ou ao BNG, está negándolle o dereito a expresarse a un importante número de veciños de Oza que non pensan como el.
A portavoz municipal do BNG denuncia que con esta actitude o goberno do PP atenta contra o dereito dos veciños a participar no Concello. Nesta ocasión, o BNG tiña rexistrada moción para garantir o subministro eléctrico ás persoas sen recursos, xa que na Galiza hai máis de 650.000 persoas en situación de pobreza e máis de 33.000 fogares sen ningún tipo de ingresos.
O copagamento farmacéutico, a redución das prestacións por desemprego e a constante suba do recibo luz, fan que cada vez máis familias non poidan facer fronte ao seu pago afirmou a voceira nacionalista, a nosa proposta é que ningunha persoa quede sen subministro de gas ou calefacción por non poder pagalo, e moito máis agora que entramos no inverno reclamou Busto, polo que se ve, ao PP impórtalle máis colocar aos seus membros nas compañías eléctricas que o benestar das persoas concluíu Busto.