O BNG volve denunciar que o goberno do PP impide a participación da oposición nos plenos
Estefanía Busto: Como vén sendo tradicional, o PP segue a poñer atrancos á participación da oposición, xa que ou ben non convocan os plenos ordinarios, e cando os convocan non permiten que se debatan as propostas do BNG.
Oza dos Ríos, 19 de marzo de 2013. A portavoz municipal do BNG en Oza dos Ríos, Estefanía Busto, acusou ao alcalde de amordazar á oposición. A voceira nacionalista reprochou ao goberno local do PP que, máis unha vez, non permita debater ningunha das propostas que o BNG presentou no Concello.
Mañá celebrarase un pleno ordinario, mais o alcalde non incluiu na orde do día ningunha das propostas do BNG, criticou a concelleira nacionalista, é nos plenos ordinarios cando a oposición podemos levar as nosas propostas, mais con esta actitude ditatorial non nos permiten facer a nosa labor.
O alcalde está impedindo que se expresen libremente unha parte das veciñas e veciños que confiaron no BNG para representalos afirma a concelleira nacionalista. Busto advirte ao alcalde que evitando que a oposición presente iniciativas ao Pleno non me impide falar a min ou ao BNG, está negándolle o dereito a expresarse a un importante número de veciños de Oza que non pensan como el.
A portavoz municipal do BNG denuncia que con esta actitude o goberno do PP atenta contra o dereito dos veciños a participar no Concello. Nesta ocasión, o BNG tiña rexistradas mocións contra a reforma local do PP, e outra polo mantemento do COF do Ventorrillo. Non sei se o alcalde é consciente de que o peche do Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo deixa a 152.000 mulleres de 32 concellos, entre os que se encontra o de Oza dos Rios, con só dúas prazas de xinecoloxía, reclamou Busto, polo que está demostrando a saúde das mulleres é un tema que non ten importancia para o PP, mais o BNG non vai consentir que se xogue coa nosa saúde.
O PP nega o acceso á información ao BNG
O goberno do PP segue a negarnos o acceso á información necesaria para levar a cabo a nosa labor de control afirma a voceira nacionalista en relación con un expediente de contratación. Entre as resolucións da alcaldía hai unha contratación de persoal por 7 días, mais non nos facilitan acceso ao expediente explicou Busto, esiximos saber como foi o proceso de selección e a cargo de que partida do orzamento se lle vai pagar. O goberno local do PP segue pensando que o Concello é a súa empresa particular engadiu a voceira do BNG, non ten ningún sentido que hai uns meses despidan un terzo do cadro de persoal e agora teñan que contratar persoal para labores urxentes durante 7 días, concluiu.