O BNG propón destinar o plan extraordinario de obras a traídas e saneamento
Estefanía Busto: Que se aforren cartos non é sinónimo de que se estean a facer ben as cousas, é indicativo de que non se están a prestar servizos básicos como sumidoiros ou traída de augas.
Oza dos Ríos, 26 de setembro de 2012. A concelleira do BNG de Oza dos Ríos, Estefanía Busto, opúxose no Pleno á proposta do PP para estragar en gasto corrente a cantidade que lle corresponde a Oza do Plan Extraordinario da Deputación DTC 94.
Que se aforren cartos non é sinónimo de que se estean a facer ben as cousas, é indicativo de que non se están a prestar os servizos básicos que marca a lei como sumidoiros ou traída de augas, explicou a portavoz do BNG. Consideramos que a proposta que trouxeron a pleno é un auténtico escándalo, criticou Busto en relación á proposta da alcaldía, só destinan 23.000 a una obra, da que nos informaron no propio pleno.
O PP gábase de ter un concello economicamente viábel, con remanente positivo e a pesares disto vanse destinar máis de 146.000 a gasto corrente, engadiu a voceira do BNG, que nos quere decir o alcalde que os veciños e veciñas teñen todos os servizos e por iso non é necesario facer investimentos?. Busto afirmou pola contra que hai moitas obras necesarias como os sumidoiros das parroquias que aínda non o teñen ou a limpeza e mantemento dos parques infantís.
O BNG indicou tamén que o normal sería que se consultara a todos os representantes dos veciños e veciñas. O PP non ten conciencia das necesidades da veciñanza de Oza, nin interese en tela xa que en ningún momento se nos pediu opinión nin propostas, engadiu Busto, obrigándonos así a votar en contra.
Aprobación da Conta Xeral
No mesmo pleno tamén se votou a aprobación definitiva da Conta Xeral. A este respecto a concelleira nacionalista chamou a atención sobre as dificultades en acceder á documentación non sei se saben que Negreira ven de ser condenado por isto dixo Estefanía Busto. O BNG votou en contra explicando que non é normal ter 68.000 no banco e os veciños e veciñas sen servizos.
Convocatoria dos Plenos
Paréceme moi irregular que se inclúan na orde do día dun pleno extraordinario asuntos propios dun pleno ordinario afirmou Busto, a semana pasada debera terse convocado un pleno ordinario, mais non o fixeron engadiu a portavoz nacionalista.
Os nacionalistas interpelaron ao goberno do PP sobre a forma ilegal de realizar as convocatorias plenarias. O goberno local xustificou estas prácticas nun aforro para os veciños e veciñas, conclúe a concelleira do BNG, pero o custo é o mesmo sexan un pleno ordinario ou extraordinario, a única finalidade é non permitir o debate das propostas da oposición.