O BNG presenta as súas alegacións á fusión Oza-Cesuras
Se fai falla unha escola infantil ou un centro de día, que se faga, con fusión ou sen ela.
Oza dos Ríos, 11 de otubro de 2012. O BNG insistiu esta mañá en que o proxecto de fusión entre Oza e Cesuras non conta co respaldo dos estudos técnicos e económicos necesarios. Nin sequera o PP ten claro cal é a lei que ten que rexir o proceso, indicou a voceira do BNG en Oza, Estefanía Busto.
A concelleira nacionalista asegurou que é necesaria unha consulta popular para que as veciñas e veciños poidan decidir sobre esta fusión acordada polo PP en Santiago. Busto insistiu en que neste proceso de fusión non se cumpren os requisitos que marca a Lei de Administración Local de Galiza e que nin sequera temos a documentación que a lei exixe.
Non se pode chantaxear aos veciños e veciñas para que dean por boa a fusión en base a promesas electorais sen ningún respaldo orzamentario, indicou a concelleira do BNG. Se fai falla unha escola infantil ou un centro de día, que se faga, con fusión ou sen ela, concluíu.
O candidato do BNG ao Parlamento de Galiza, Henrique del Río, asegurou que o proceso de fusión entre Oza e Cesuras demostra que o PP non ten un modelo de organización territorial para Galiza. Segundo o candidato nacionalista, o PP con Diego Calvo pasou de ser celestina das fusións a defender unha tímida comarcalización e logo desentenderse de todo á vista do escaso respaldo popular da ocorrencia.
Galiza precisa soberanía para poder decidir como articular o territorio, insistiu o nacionalista. O financiamento e a planta administrativa municipal non pode ser igual na Mancha que en Galiza porque a dispersión da poboación encarece a prestación de servizos. O problema é o financiamento municipal, non o número de concellos, indicou.
O candidato do BNG explicou que os nacionalistas propoñen avanzar na democracia establecendo a obrigatoriedade de consultas populares para casos como este.