O BNG presenta alegacións aos orzamentos de Coirós para o 2013
"O BNG reclama maior transparencia na concesión de subvencións".
Coirós, 10 de decembro de 2012. O vindeiro 13 de decembro o BNG de Coirós defenderá en pleno as alegacións presentadas aos orzamentos para o ano 2013 neste concello.
Un ano máis o BNG reclama maior transparencia na concesión de subvencións. Na proposta do goberno local aparecen 6.000 euros como de libre asignación pola Alcaldía. Desde o grupo nacionalista deféndese que exista un plan de subvencións que cumpra a normativa existente.
Indica tamén a voceira nacionalista Pura Ferreño que o goberno do PP mantén unha irregularidade manifesta sen amparo legal: o pago diferenciado entre alcalde e resto de membros da corporación por asistencia a sesións. Esta reclamación vense facendo nos últimos anos mais non foi atendida polo goberno municipal.
O Bloque Nacionalista Galego tamén demanda a inclusión no proxecto orzamentario dunha partida para a mellora das estruturas de prevención de incendios no termo municipal. Cómpre tanto habilitar máis puntos de subministro de auga nas zonas forestadas como mellorar a limpeza e mantemento das vías de comunicación. Esta proposta foi defendida en anteriores ocasións mais non tivo resposta positiva nas actuacións do goberno local.
Outra cuestión que recolle o BNG é a importancia das novas tecnoloxías para o desenvolvemento do medio rural e o caro que resulta acceder a elas nas aldeas. É por eso que se demanda a elaboración dun estudo para a posta en marcha dunha rede wifi.net que facilite o acceso a internet dos negocios e vivendas do concello en condicións económicas razonables.