O BNG frea a intención do PP de aprobar os orzamentos nun Pleno ilegal
Busto: queremos pensar que o PP non está ocultando información aos veciños e veciñas porque ten algo que esconder.
Oza dos Ríos, 22 de novembro de 2012. O BNG viuse obrigado a presentar un recurso para defender a legalidade diante da convocatoria ilegal dun Pleno en Oza dos Ríos. O goberno local do PP fixonos chegar unha convocatoria de Pleno extraordinario incumprindo os prazos que establece a lei, informou Estefanía Busto, non é a primeira vez que isto acontece, como xa temos denunciado, o PP en Oza non respecta as minimas formas democráticas.
Ante esta situación, o BNG tivo que presentar un recurso para facer valer os dereitos dos veciños e veciñas, conseguindo que se modificase a data do Pleno que estaba previsto para mañá e que finalmente se celebrará o vindeiro luns.
A maiores o PP neganos o acceso á documentación completa dos temas que se debaterán no Pleno, denunciou a concelleira nacionalista, enviaronnos a convocatoria onte pola tarde para un Pleno que tería lugar o venres e non nos achegan toda a documentación.
Desde o BNG, indican que aínda hoxe non teñen acceso a parte da documentación dos orzamentos de 2012 e 2013 que se debaterán no Pleno. Ademais vaise debater unha modificación das taxas da que non temos información ningunha, nin proposta do goberno nin informe de ningún tipo, explicou Estefanía Busto, non sei como esperan que o Pleno adopte un acordo sobre un tema do que non temos coñecemento. Queremos pensar que non están ocultando información aos representantes dos veciños e veciñas para chegar alí cun acordo que o PP xa teña pechado.
Abundando no comportamento totalmente irregular do goberno do PP en Oza dos Ríos, traennos a aprobación o orzamento do 2012 a finais de novembro, cando debera estar aprobado antes do 1 de xaneiro. Non entendemos cal é a finalidade de non debater sobre os orzamentos en tempo e forma e traelos agora que xa están executados, concluiu a concelleira do BNG.