O BNG denuncia un golpe de estado institucional en oza-cesuras
Betanzos, 11 de xuño de 2013.- O BNG denunciou esta mañá o golpe de estado institucional que o PP vén de perpetrar en Oza-Cesuras, un golpe de estado que deixa as nacionalistas fóra da xestora. Así o advertía esta mañá en rolda de prensa o responsábel de Organización do BNG, Bieito Lobeira, quen acusou o PP de excluír a opinión dos que lle molestan, porque non é casual que se exclúa o BNG deste novo concello, malia termos un apoio considerábel.
O BNG recorrerá e levará ao Parlamento de Galiza a exclusión da formación frontista da xestora
Bieito Lobeira, que estaba acompañado da concelleira do BNG en Oza, Estefanía Busto Dopazo, do responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, e do responsábel de Política Institucional do BNG nas Mariñas, Henrique del Río, anunciou a presentación dun recurso contra a participación dos concelleiros inhabilitados nas votacións así coma contra o método artellado polo Partido Popular para configurar a xestora. Anunciou, tamén, a presentación dunha iniciativa parlamentar para que o Sr. Rueda dea a cara no Parlamento por este reparto.
Pola súa banda, Estefanía Busto criticou o secuestro da vontade dos máis de 800 veciños e veciñas que votaron o BNG e que, agora, fican excluídos da xestora. Tivo críticas para o proceso de fusión de Oza e Cesuras, que cualificou de fracaso desde o comezo e reprobou que a fusión se desenvolvera de costas á veciñanza, sen ningunha consulta popular e tombando todas as alegacións.
Estefanía Busto critica o secuestro da vontade dos máis de 800 veciños e veciñas que votaron o BNG e que, agora, fican excluídos da xestora
A continuación, a portavoz do BNG en Oza aludiu ás promesas incumpridas do Partido Popular, ao que lle afeou que non se destinara, desde o Goberno central, nin un só peso para eliminar o talude do tren, que a Xunta desoíra a necesaria demanda da escola infantil e que a Deputación esquecera a discriminación positiva e non investira en Oza os cartos que prometera como premio á fusión. Referiuse, tamén, a que Coca Cola non se radicará en Oza e sinalou que de Ence nada sabemos.
Tamén criticou a nacionalista que o Partido Popular ocultara, deliberadamente, as inhabilitacións de Julián Lucas e de José Peón, que non poden ser electos nin ocupar cargo público ningún. Paradoxalmente, Peón, advertiu, aparece na xestora malia estar inhabilitado.
Pola súa banda, o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, fixo alusión a que a falta de democracia do PP era unha constante en Oza, onde non se lle permitía ao BNG presentar iniciativas. Insistiu Carballada no despropósito desta xestora, o ridículo do PP chega ao punto de que unha morte ou unha renuncia podería supoñer un cambio de goberno, sen necesidade de participación de tránsfugas, alertou.
Na mesma liña, o responsábel de Política Institucional das Mariñas, Henrique del Río, acusou o PP de manipular a lexislación para aplicar o que máis lle acaía aos seus intereses en cada caso. Lembrou que en Valadouro o PP esixía unha maioría e que en Oza-Cesuras permite o voto de persoas inhabilitadas. Sinalou que o PP configurou a xestora seguindo criterios electoralistas e saltando a Lei electoral.
Ironizou con que o PP é tan innovador que aplica un criterio de listas abertas para configurar a xestora, algo que veta a lei actual, e, pola contra, non innova en consultar a veciñanza sobre a fusión, que sería legal. É tal o esperpento que o PP se saca da manga que o voto foi recibido polas persoas e non as candidaturas que concorreron ás eleccións, concluíu.