O BNG denuncia que o goberno local impediu debater a súa moción sobre o mantemento do COF
Busto: non nos parece de recibo que nos diga que pensa levar as mocións ao seguinte pleno, mentres as mulleres de Oza están sufrindo as consecuencias da supresión deste servizo
Oza dos Ríos, 20 de marzo de 2013. O BNG denuncia que o goberno local do PP impediu no Pleno que se debatira a súa moción sobre o mantemento do Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo. Vese que a saúde das mulleres non é un asunto urxente para o PP, ironizou a concelleira do BNG, non nos parece de recibo que nos diga que pensa levar as mocións ao seguinte pleno, mentres as mulleres de Oza están sufrindo as consecuencias da supresión deste servizo. O BNG criticou tamén a abstención do PSOE neste punto, non nos parece coherente que o PSOE vaia as concentracións na Coruña para defender o COF do Ventorrillo e, sen embargo en Oza dos Ríos, se absteña no mesmo tema, criticou Busto.
Os nacionalistas volveron a poñer de manifesto as actitudes do PP alí onde goberna. Intentan por todos os medios impedir que poidamos presentar as nosas propostas. Non é a primeira vez que temos que denunciar publicamente o escurantismo do Partido Popular, informou a concelleira do BNG, é surrealista que despois intenten convencernos de que son os maiores defensores da democracia. Xa o vemos nos Concellos onde teñen a maioría absoluta.
O BNG exixiu información sobre a construción da escola infantil
O BNG pediu información ao goberno local sobre a construción da escola infantil que prometeran como incentivo, á fusión con Cesuras. Aínda hoxe tivemos coñecemento de que o Pleno da Deputación do vindeiro martes vai aprobar o acordo para financiar a adquisición dos terreos, informou Busto, non sabemos daquela que foi o que inauguraron antes das eleccións galegas, debe ser a inauguración do valo publicitario nun terreo privado, ironizou.
Os nacionalistas indicaron tamén que nos orzamentos da Xunta que se veñen de aprobar non hai partida ningunha para financiar esta obra. Segundo o alcalde do PP temos que ter confianza en que se vaia a facer a obra e se non aparece nos orzamentos e porque non son orzamentos novos. O menos que pode facer e pedir información aos seus compañeiros que gobernan na Xunta e na Deputación e deixar de rirse dos veciños e veciñas, concluíu Busto.