O BNG denuncia a falta do respecto do PP ás mínimas formas democráticas en Oza
Os nacionalistas indicaron que este é o proceder habitual no concello de Oza, onde so se celebraron dous Plenos ordinarios no que vai de lexislatura
Oza dos Ríos, 10 de outubro de 2012. O BNG volve a denunciar que o alcalde do PP segue recorrendo a Plenos extraordinarios para impedir que a oposición exerza a súa labor. Onte convocáronnos un novo Pleno extraordinario, de novo para tratar asuntos de xestión ordinaria como a aprobación do proxecto concreto para o novo Plan da deputación ou a aprobación dunha ordenanza de taxas públicas, informou Estefanía Busto, voceira do BNG en Oza dos Ríos.
Os nacionalistas indicaron que este é o proceder habitual no concello de Oza, onde so se celebraron dous Plenos ordinarios no que vai de lexislatura. Nos últimos dous meses levan dous Plenos extraordinarios e cando denunciamos a situación respóndennos que o fan para aforrar cartos, explicou a portavoz nacionalista, pois non sei cal é o aforro en convocar un Pleno extraordinario ao mes en lugar de convocar o Pleno ordinario que correspondería cada tres meses e debater alí todos os asuntos, tendo en conta ademais que o único que percibimos os concelleiros son dietas de asistencia aos plenos que son as mesmas sexa ordinario ou extraordinario. Esta é a austeridade do Partido Popular.
A portavoz municipal do BNG denuncia que con esta actitude o goberno do PP atenta contra o dereito dos veciños a participar no Concello e advirte que o BNG non vai tolerar esta actitude prepotente do PP e fará valer os dereitos dos veciños.
Todos os meses nos vemos obrigados a denunciar publicamente a falta de respecto do PP ás mínimas formas democráticas nas institucións onde ten a maioría absoluta. Para isto é para o que o PP defende un goberno forte por maioría absoluta?, ironizou a voceira do BNG, para amordazar aos representantes da veciñanza e non ter en conta ningunha opinión que non sexa a deles mesmos. Os veciños e veciñas de Oza sabemos ben cales son as formas do Partido Popular cando goberna con maioría absoluta, tomar decisións coma a da fusión en Santiago sen contar coa opinión dos veciños e veciñas, o escurantismo e a falta de respecto ás mínimas formas democráticas. No BNG cremos que este modo de actuar non debera ser motivo de fachenda e moito menos o argumento en que basear toda a súa campaña electoral de cara ao 21 de outubro, concluíu a voceira do BNG.