MUNICIPAIS 2015

O BNG salientou a “importancia da Ría como eixo vertebrador das Mariñas"

O BNG-Asembleas Abertas celebrou hoxe o mitin central das Mariñas no que interviron David Carro, candidato á alcaldía de Bergondo, Olalla Barro, candidata á alcaldía de Miño , Henrique del Río, candidato á alcaldía de Betanzos.

O BNG salientou a “importancia da Ría como eixo vertebrador das Mariñas"

Betanzos, 14 de maio. O BNG-Asembleas Abertas celebrou hoxe o mitin central das Mariñas no que interviron David Carro, candidato á alcaldía de Bergondo, Olalla Barro, candidata á alcaldía de Miño , Henrique del Río, candidato á alcaldía de Betanzos. O acto comezou coa actuación do mago Martín Camiña.

David Carro centrou o seu discurso “no código ético contra o transfuguismo e a corrupción que asinamos todas as persoas que facemos parte das candidaturas do BNG-Asembleas abertas”. Defendeu “abrir os concellos e poñelos ao servizo do pobo”. “Facervos participes da toma de decisións elaborando regulamentos de participación veciñal e orzamentos participativos para que decidamos todos en que investir os nosos cartos, para que todos e todas poidamos facer uso das instalacións municipais, algo que aínda a día de hoxe teñen vetado algúns veciños e veciñas como os de Paderne ou Coirós, onde o PSOE e o PP demostran ser participes das mesmas practicas e os utilizan como se fosen da súa propiedade”, engadiu.

Olalla Barro, independente, explicou os motivos que a levaron a comprometerse na candidatura do BNG-Asembleas abertas. “Pola xestión nefasta do PP e o seu modelo especulador foi alimentando a miña indignación. Porque o BNG-Asembleas abertas pareceume a única ferramenta útil para cambiar as cousas e que recolle todas as sensibilidades”.

“Defendemos unha cooperativa de crédito comarcal para que as persoas que queren montar un negocio teñan financiamento”

“Desde o BNG-Asembleas abertas defendemos os servizos sociais como un dereito non como misericordia”, indicou Henrique del Río, candidato á alcaldía de Betanzos. “Fronte ao modelo de recortes e partido de fútbol benéfico impulsado polo PP e o PSOE, nos defendemos a solidariedade. A xustiza social: que pague máis quen máis ten para que quen non ten teña servizos e dereitos”, indicou.

“Con 1000 persoas no desemprego mes tras mes nos últimos 6 anos e medio está visto que as semanas do pincho e as profesións non son as solucións ao desemprego”, criticou Del Río, “defendemos unha cooperativa de crédito comarcal para que as persoas que queren montar un negocio teñan financiamento”.

O acto público pechouno Ana Miranda “que defendeu a importancia de coidar o medio, a Ría e os ríos que articulan a comarca das Mariñas e insistiu na necesidade do saneamento para garantir a calidade das augas da Ría de Betanzos”.

O BNG salientou a “importancia da Ría como eixo vertebrador das Mariñas"