MUNICIPAIS 2015
O BNG pechou a campaña cun acto centrado na creación de emprego
O BNG-Asembleas abertas das Mariñas pechou a campaña electoral na praza de Lanzós en Betanzos cun acto público centrado en políticas de emprego.
Betanzos, 22 de maio de 2015. O BNG-Asembleas abertas das Mariñas pechou a campaña electoral na praza de Lanzós en Betanzos cun acto público centrado en políticas de emprego. No acto interviñeron Tomé Laxe, Silvia Aguiar e María Bonome membros das candidaturas do BNG-Asembleas abertas xunto coa candidata á alcaldía de Oza e Cesuras, Estefanía Busto e o candidato á alcaldía de Betanzos Henrique del Río.
Os mozos novos con formación universitaria vémonos obrigados a buscar traballo fora e mesmo a mentir no curriculum dicindo que temos menos formación para atopar traballo, explicou Tomé Laxe, mozo de 28 anos, que se ve obrigado a emigrar a Alemaña en busca de traballo.
O traballo que hai en xeral está precarizado e supón moitas horas de traballo por un salario que moitas veces a duras penas dá para pagar as facturas. Son traballos temporais que non garanten estabilidade ningunha, explicou Silvia Aguiar, da candidatura do BNG-Asembleas abertas de Betanzos.
María Bonome explicou a dificultade de compatibilizar o traballo co coidado de persoas maiores e crianzas. Os horarios laborais e a falta de servizos públicos, como un centro de día, fan imposíbel compatibilizar os horarios de traballo cos coidados dos maiores e os nenos. Estas dificultades son maiores no caso das mulleres que normalmente asumimos os coidados e as tarefas da casa, explicou.
Estefanía Busto, candidata do BNG en Oza dos Ríos e Cesuras, explicou a súa experiencia persoal como muller nova licenciada para entrar no mercado laboral e reclamou medidas para atallar o desemprego feminino. O número de mulleres desempregadas é moito máis alto que o masculino e desde o BNG-Asembleas abertas adoptaremos medidas para promover o emprego das mulleres empezando pola propia administración local, explicou.
Del Río: En Betanzos subimos das 1000 persoas desempregadas todos os meses desde hai 6 anos. É unha situación insostibel e está claro que as festas do pincho, da tortilla, as procesións e as campañas publicitarias pagadas por todas nos non están sendo unha solución
Concluíu o acto, Henrique del Río, chamando á apoiar ao BNG-Asembleas abertas para poder adoptar medidas desde o Concello que contribúan a paliar o desemprego. En Betanzos subimos das 1000 persoas desempregadas todos os meses desde hai 6 anos. É unha situación insostibel e está claro que as festas do pincho, da tortilla, as procesións e as campañas publicitarias pagadas por todas nos non están sendo unha solución. Por iso vos pido o voso apoio ao BNG-Asembleas abertas porque depende de nos que no noso concello existan verdadeiras políticas para crear emprego como un banco de locais comerciais, un viveiro de empresas, un centro de coworking, un plan de emprego feminino e moitas outras que levamos no noso programa para crear emprego digno e de calidade en Betanzos.